CA pide que cambie o itinerario do bus escolar no núcleo de Frensa

La líder de Compostela Aberta, María Rozas

La líder de Compostela Aberta, María Rozas / natalia sequeiro

ECG

Dous nenos afectados. A portavoz municipal de Compostela Aberta pediulle onte ao Goberno local que medie para que a empresa concesionaria do transporte escolar atenda as demandas das familias de Santa Cristina de Fecha, que levan meses reclamando un cambio de itinerario para habilitar unha parada no núcleo de Frensa”. María Rozas, que vén de manter unha xuntanza coa veciñanza da parroquia, explicou que “unha pequena modificación que para o autobús non suporía máis que engadir uns minutos ao seu percorrido evitaría que dous nenos do núcleo de Frensa teñan que camiñar case un quilómetro e medio por un viario claramente inseguro, porque nin tén beirarrúas nin iluminación”.

Para a portavoz de CA, “estamos diante dun caso que se resolvería cun mínimo de vontade, en primeiro termo da concesionaria, e en segundo da administración autonómica, que é quen tén as competencias en materia de transporte escolar”, informou a formación nunha nota de prensa.

Na reunión celebrada en Santa Cristina de Fecha, a veciñanza mostrou o seu malestar pola situación que viven dous nenos, e 5 e 11 anos, escolarizados por cuestión de proximidade no CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, de Val do Dubra. Os menores viven no lugar de Frensa, pero a parada do bus escolar máis cercana que lle ofrecen a Xunta e a concesionaria é a do lugar de Belén. Isto obrigaríaos a camiñar “por un viario que non tén nin beirarrúas nin iluminación, e nas condicións metereolóxicas que adoitan acompañar o curso escolar en Galicia”. Por este motivo, a familia non tén máis remedio que trasladar polos seus propios medios aos nenos ao centro escolar “coas dificultades que iso supón en termos de conciliación, habida conta de que os horarios escolares son incompatibles cos de moitos traballos” .