“O Pobo Xitano continúa nun contexto de dificultades, hai que seguir reducindo a desigualdade”

Santiago celebrou o Día Internacional deste colectivo coa xa tradicional ‘Cerimonia do río’, que tivo lugar onte no parque de Eugenio Granell

O acto de conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano reuniu a membros da comunidade e representantes políticos

O acto de conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano reuniu a membros da comunidade e representantes políticos / Antonio Hernández

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, acompañados por Eva Vera, directora territorial do FSG Galicia, e representantes dos demais grupos municipais, participaron onte no acto de conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que tivo lugar o pasado 8 de abril. Celebrouse na contorna do Parque Eugenio Granell, deuse lectura a un manifesto e levouse a cabo a Cerimonia do río e o canto do himno Gelem, Gelem, símbolos deste colectivo.

Deste modo, o Concello de Santiago sumouse a esta celebración en homenaxe á historia do Pobo Xitano, que conmemorou o pasado sábado o seu Día Internacional en recordo ao primeiro Congreso Mundial Xitano celebrado en Londres en 1971, no que se adoptaron os símbolos propios do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella, e o himno Gelem, Gelem

O acto iniciouse coas palabras de benvida do alcalde e da directora territoral de FSG Galicia, Eva Ledo, e coa explicación da bandeira e do himno, símbolos que fan referencia á condición itinerante do Pobo Xitano. A lectura do manifesto estivo a cargo de Lorena Moreno e Miriam Fernández, e outros participantes da FSG, e a continuación levouse a cabo a chamada Cerimonia do río, na que as mulleres botaron pétalos de flores no río Sar. O acto pechouse co canto do himno do Pobo Xitano.

Xosé Sánchez Bugallo recoñeceu que a pesares dos avances para acabar coa “histórica discriminación” que sofre o Pobo Xitano e ao esforzo que esta comunidade vén facendo “por integrarse e superar vellos prexuízos”, “o camiño a percorrer continúa ser enorme”, xa que “segue habendo determinados déficits en materia de vivenda, emprego, educación e integración social”, sinalou. “Unha sociedade madura e unha cidade moderna constitúese, respectando e incorporando todo aquilo que aportan cada unha das súas comunidades”, engadiu o alcalde compostelán.

O acto contou ademais coa presenza dos voceiros dos grupos municipais Goretti Sanmartín, do BNG; María Rozas, de Compostela Aberta, e José Antonio Constenla, do PP. También asistou o candidato popular á Alcaldía de Santiago, Borja Verea.

Declaración institucional

O manifesto con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano avoga por aproveitar o 8 de abril para “recoñecer a contribución que os xitanos e as xitanas fixeron á nosa sociedade durante máis de seis séculos de historia compartida e de dar un paso adiante na loita pola igualdade de oportunidades e de dereitos das persoas xitanas”.

O texto sinala a importancia de dous recentes fitos. “A aprobación en xuño de 2022 da Lei Integral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación, que ademais incorpora o antixitanismo como delito de odio no Código penal” e “a aprobación do Informe da Subcomisión para acadar un pacto de Estado contra o antixitanismo e a inclusión do Pobo Xitano, na Comisión de Dereitos Sociais do Congreso dos Deputados, a principios deste ano”.

O manifesto tamén quixo “lembrar os graves casos de antixitanismo que sufriron algunhas familias xitanas de Peal de Becerro (Xaén) e Íllora (Granada) o pasado verán”, recordando que “o pobo xitano continúa vivindo nun contexto de dificultades” e se precisa “seguir traballando en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo, e avanzar en dereitos e cidadanía”.