Unha app permite descubrir as árbores máis singulares dos 20 parques de Compostela

A Alameda de Santiago, espazo botánico de Europa

Javier Rosende Novo

Redacción

O Concello de Santiago vén de poñer a disposición da cidadanía SENLLAP, unha app sobre árbores senlleiras do municipio. Deseñada como unha guía interactiva para dar a coñecer as árbores máis singulares dos parques da cidade, a aplicación tamén permite á cidadanía enviar as súas propostas e participar na elaboración dun catálogo municipal de árbores extraordinarias.

A aplicación SENLLAP, dispoñible en Play Store, presenta un sistema de navegación dividido en catro eixes temáticos. O apartado “Parques” achega a usuarios unha guía para coñecer as árbores de vinte parques do núcleo urbano, con datos sobre cada un deles. “Especies” ofrece a descrición de case 140 especies ordenadas alfabeticamente.

“Senlleiras” ofrece información sobre un listado de 34 árbores que se consideran singulares e que poderían optar a incorporarse a un futuro Catálogo Municipal de Árbores Senlleiras, un recurso do que xa dispoñen varias cidades españolas. Por último, “Propostas cidadás” recolle as árbores que proporá a cidadanía.