Sanidade e a Universidade melloran a coordinación dentro da Cátedra de Vida Saudable

Constituiuse a Comisión de seguimento, o instrumento reitor para o establecemento dunha comunicación fluída entre a USC e a Consellería de Sanidade

A obesidade é unha enfermidade, segundo recordan sempre os médicos

A obesidade é unha enfermidade, segundo recordan sempre os médicos / EPE

ECG

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Gumersindo Feijóo Costa, presidiron esta semana o acto de constitución da Comisión de seguimento da Cátedra institucional “Vida Saudable”.

Segundo informou onte a Consellería nun comunicado, a Cátedra será un foro para a execución de actividades docentes, académicas e investigadoras na especialización en hábitos de vida saudable e envellecemento activo.

A Comisión Mixta de Seguimento é o instrumento reitor para o establecemento dunha comunicación fluída entre a USC e a Consellería de Sanidade. Entre as súas funcións están a da planificación, seguimento, avaliación e control das accións derivadas do convenio da cátedra, así como a resolución dos problemas de interpretación e cumprimento que poidan xurdir no desenvolvemento e execución desta. A Xunta investirá 100.000 euros nesta cátedra de nova creación, que terá unha duración inicial de catro anos —renovable por outros catro—, que actuará como eixo de colaboración entre o persoal investigador, o profesorado da USC e os profesionais sanitarios e non sanitarios do sistema público galego. Durante a xuntanza, a Comisión propuxo como director da mesma ao doutor Francisco Caamaño Isorna.

Entre outras, o programa de actividades da nova ensinanza incluirá a creación dunha rede de investigación e innovación galega en promoción da saúde; o desenvolvemento de novas liñas de investigación sobre os hábitos de vida saudables e o envellecemento activo; ou o establecemento dun sistema de avaliación periódica do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, no que se analizarán cambios de comportamento vencellados aos seus factores protectores.