María Rozas: “Somos os únicos que non temos ataduras; CA é garantía de políticas valentes”

A candidata de Compostela Aberta sinala que “Santiago non pode retroceder ao pasado cun goberno do PP” e engade que o futuro da capital galega “non o pode escribir Bugallo”

A Sala Capitol acolleu onte a presentación pública da candidatura completa de Compostela Aberta para as eleccións do 28-M / JESÚS PRIETO

A Sala Capitol acolleu onte a presentación pública da candidatura completa de Compostela Aberta para as eleccións do 28-M / JESÚS PRIETO / JACOBO TÁBOAS

Compostela Aberta naceu para devolverlle a dignidade a Santiago despois do nefasto goberno dos tres alcaldes do PP, e agora non permitiremos un regreso a 2011, porque o Partido Popular nunca é unha boa opción e non nos deixamos enganar polas súas promesas inviables”. Desta forma, a candidata de CA á Alcaldía de Santiago indicou que o seu partido “non renuncia a gobernar para poñer en marcha políticas valentes que ningunha outra organización vai impulsar”. “Porque somos os únicos que non temos ataduras”, sinalou. Durante a presentación pública da lista coa que Compostela Aberta concorre ás eleccións municipais do 28 de maio, María Rozas incidiu en que “CA é un espazo de esperanza, é a garantía de que na capital galega se desenvolvan políticas progresistas, é a mostra de que outra maneira de estar na política é posible, e é o exemplo de que se pode gobernar dándolle voz á veciñanza".

Na Sala Capitol como escenario e coa presenza de numerosos representantes do tecido asociativo e veciñal de Santiago, no acto tamén se deron a coñecer algunhas das claves do programa electoral de Compostela Aberta. “Un programa que nace de escoitar á veciñanza, que é o reflexo do modelo de cidade que levamos oito anos defendendo, e que está cheo de propostas transformadoras”, afirmou María Rozas.

Así mesmo, reiterou o seu orgullo por encabezar unha candidatura “que evidencia o enorme capital humano e político de Compostela Aberta, unha lista que combina experiencia institucional con participación no movemento asociativo que constrúe Santiago, no activismo veciñal, social, cultural ou sindical”. Tamén salientou a presenza na candidatura dos exconcelleiros do Goberno de CA e de Martiño Noriega: “Toca reivindicar o traballo feito no pasado mandato, do que debemos sentirnos orgullosas malia os erros; toca lembrar que sen Compostela Aberta non teríamos estación intermodal, nin nova EDAR, nin renda de garantía básica, nin regulación dos pisos turísticos, nin Casa das Mulleres Xohana Torres... porque os anos de Compostela Aberta non foron anos perdidos, foron anos de avances como serán os que están por vir”.

A candidata de Compostela Aberta advertiu que “o futuro de Santiago tampouco o pode escribir Bugallo, porque xa nos chegou este mandato para asistir á caída do mito dos bos xestores e para sufrir os retrocesos en materia de diálogo, participación e transparencia”. Rozas mostrouse convencida de que “CA é o único espazo para a esperanza”. “Somos a ferramenta dos veciños e veciñas que queren participar da vida do seu concello, que queren opinar sobre en que se gastan os cartos que son de todas, que queren decidir o seu futuro”, sinalou.

Durante a súa intervención, insistiu en que Compostela Aberta representa “as políticas valentes, sen ataduras”. “Non renunciamos a recuperar a xestión da auga, non por unha cuestión ideolóxica, senón porque os datos e as experiencias doutras cidades demostran que é o mellor para a veciñanza; e non renunciamos a seguir avanzando nun modelo turístico sustentable, non pola turismofobia da que nos quixeron acusar, senón porque queremos un Santiago que poida ser vivido”, afirmou a líder de CA.

Ademais, tamén puxo o foco na necesidade de apostar no próximo mandato “por un Santiago para vivir e ser vivido, por unha cidade coidadora, que volva ser o epicentro do feminismo, que recupere o seu pulo cultural, e no que se volva falar de medio ambiente”.