Compostela Aberta propón un Plan de Rehabilitación de Vivendas para estudantes

A candidata de Compostela Aberta compromete a creación dunha rede e alugueiro de bicicletas eléctricas con tarifas especiais para a comunidade universitaria, no debate preelectoral organizado pola Universidade de Santiago

Numerosos estudiantes universitarios en las inmediaciones de la Biblioteca Concepción Arenal de la Universidade de Santiago

Numerosos estudiantes universitarios en las inmediaciones de la Biblioteca Concepción Arenal de la Universidade de Santiago / ECG

Redacción

A candidata de Compostela Aberta á Alcaldía comprometeuse a impulsar un Plan de Rehabilitación de Vivendas para o alugueiro a estudantes, “para frear as dificultades ás que se enfronta a poboación universitaria para atopar pisos en bo estado e a prezos asequibles”. María Rozas participou onte no debate preelectoral organizado pola Universidade de Santiago, no que quedou de manifesto que “a vivenda e a mobilidade son dous dos principais retos de futuro da nosa cidade, e son tamén dous dos problemas que máis preocupan na comunidade universitaria”. A cabeza de lista de CA reivindicou “o camiño iniciado polo Goberno de Compostela Aberta para regular os pisos turísticos e dese xeito facilitar que se incremente a oferta de vivendas para o alugueiro tradicional”, pero advertiu que “segue sendo necesaria a implicación das administracións, da municipal pero sobre todo da Xunta, que é quen tén as competencias en materia de vivenda e leva anos sen atender as necesidades da capital galega”.

María Rozas incidiu en que “o problema do acceso á vivenda non é novo en Santiago, e se anos atrás sufrimos a expulsión de moitas familias a concellos limítrofes polos elevadísimos prezos, agora son tamén os universitarios os que se enfrontan a numerosas dificultades para atopar pisos de alugueiro”. A candidata de CA mostrouse convencida de que a regulación dos pisos turísticos terá efectos positiva para conter esta tendencia, e comprometeuse a impulsar no próximo mandato novas medidas como a posta en marcha dun Plan de Rehabilitación de Vivendas para seren alugadas a estudantes. Rozas explicou que o obxectivo é que a administración pública subvencione a rehabilitación de vivendas, para que estas sexan destinadas ao alugueiro

para estudantes a prezos regulados, coa posibilidade de que fiquen libres do alugueiro nos meses de verán.

A concelleira explicou que este programa podería ser xestionado a través da empresa municipal de vivenda Emuvissa, “que Bugallo prometeu recuperar neste mandato pero que segue agardando, e que tamén debe volver impulsar a construción de vivenda para a súa venda a prezos taxados inferiores do mercado e para o alugueiro social como se fai noutros concellos do Estado”. Todo iso, sinalou María Rozas, “debe ir acompañado da necesaria presión á Xunta para que asuma as súas competencias e retome a construción de vivenda protexida en Santiago, despois dunha década en branco”.

Alugueiro de bicicletas

En materia de mobilidade, a candidata de Compostela Aberta anunciou a creación dunha rede de bicicletas públicas eléctricas, “na que se preverán tarifas especiais para a comunidade universitaria, para facilitar os seus desprazamentos e contribuir, deste xeito, á eliminación de coches nas áreas universitarias”. Nesa liña, María Rozas tamén apoiou a conexión dos dous campus universitarios mediante unha rede de carrís bici, “pero carrís bici ben planificados e ben executados, non coma os que fixo este Goberno en Clara Campoamor ou no Hórreo”.

María Rozas reiterou a oposición de Compostela Aberta á construción de aparcamentos soterrados no Campus Vida “porque iso é incoherente coa necesidade de eliminar vehículos na zona universitaria e coas directivas europeas que obrigan a limitar a presenza de coches nos centros urbanos, e porque hai outras alternativas na contorna ds Campus”. Ademais, insistiu en que calquera aposta por unha mobilidade sostible “debe ir acompañada dun modelo de transporte público con mellores liñas e mellores frecuencias, tal e como propoñía Compostela Aberta no pasado mandato”. Nese sentido lamento que Bugallo siga sen informar á veciñanza e aos grupos da oposición de cal é o seu modelo para o novo contrato de autobuses que pretende licitar nas

próximas semanas, “se ben onte, despois de negalo durante todo o mandato, recoñeceu que o Goberno de CA deixara un traballo adiantado que se manterá nos pregos”.

Por último, a candidata de Compostela Aberta comprometeuse a impulsar unha comisión de coordinación entre o Concello e a Universidade “coa participación de todos os grupos da corporación, que será o órgano que defina as liñas de traballo entre ambas institucións, que teñen que traballar da man e en continuo diálogo para solucionar moitos asuntos comúns pendentes como a humanización do Campus Sur, para avanzar no uso partillado de equipamentos, e para seguir impulsando a transferencia de coñecemento desde a USC”.