Debate entre os candidatos á Alcaldía de santiago: a relación entre cidade e Universidade

A Facultade de Ciencias da Comunicación será hoxe o escenario dun faladoiro que comezará ás 19.00 horas // Tratarán a relación institucional, a mobilidade e a vivenda e a posteriori haberá rolda de preguntas

Pasillos da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC onde se celebra o faladoiro

Pasillos da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC onde se celebra o faladoiro / Rosalía Quiroga

A Universidade de Santiago acollerá hoxe un debate coas persoas candidatas á alcaldía da cidade coa finalidade de dar a coñecer as demandas e suxestións da comunidade universitaria de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. O Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá, a partir das 19.00 horas, un faladoiro moderado polo profesor Xosé Ramón Pousa e que contará coa participación de PSdeG, PP, Compostela Aberta e BNG.

O debates estará estruturado en catro bloques. Logo dunha presentación xeral a cargo do moderador, a primeira parte dos debates xirará arredor da relación institucional, onde se poñerán enriba da mesa propostas para a simplificación das relacións institucionais no eido da xestión entre administracións e para a dinamización da relación entre tecido empresarial, cidade e universidade. A continuación, o faladoiro pasará a abordar propostas de convivencia dos desprazamentos da comunidade universitaria, dende unha perspectiva sustentable, cos plans de mobilidade da cidade.

A vivenda será o eixo sobre o que se artellará o terceiro dos bloques. Neste punto, os e as representantes poderán profundar en propostas para facilitar acceso á vivenda de aluguer na cidade nun contexto onde os domicilios destinados a outros usos fan diminuír, substancialmente, a oferta e obrigan aos estudantes a buscar outras opcións.

Finalmente, o debate pecharase cunha quenda libre no que cada participante poderá cerrar a súa intervención facendo un resumo de propostas. Ademais, repartiranse papeis ás persoas asistentes para que poidan escribir as súas preguntas, que formulará o moderador nunha rolda aberta de quince minutos. En cada un dos bloques, cada intervención individual terá unha duración de tres minutos.

O acceso para asistir de xeito presencial será libre ata completar a capacidade do Auditorio e o evento será retransmitido en directo dende a canle oficial de YouTube da USC.