PROXECTO

A mellora da conectividade de Pontepedriña terá unha inversión de 150.000 euros

A actuación pretende mellorar a accesibilidade e a conectividade desta zona compostelá

Imaxe aérea do barrio de Pontepedriña e o ámbito de actuación

Imaxe aérea do barrio de Pontepedriña e o ámbito de actuación / Concello de Santiago

ECG

Enmarcada dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago, o Concello ten prevista unha actuación na que investirá máis de 150.000 euros, e que contempla a mellora da conectividade de Pontepedriña, nunha iniciativa que conta cun prazo de execución de tres meses, e coa que se crearán percorridos que conecten o barrio co tecido urbano e xerará -ou mellorará- os espazos estanciais do devandito barrio santiagués.

O proxecto de mellora da accesibilidade nesta zona do sur da capital galega está previsto que sexa aprobado este próximo martes en xunta de goberno, e suporá a creación dun novo paso a través do río Sar coa construción de dous novos pasos. Unha actuación que inclúe ademais a pavimentación e axardinamento de diferentes espazos desta área, así como a eliminación das varias barreiras arquitectónicas existentes na mesma.

A actuación pretende mellorar a accesibilidade e a conectividade desta zona compostelá con outros barrios da cidade mediante ese novo paso sobre o río, que tamén favorecerá a existencia dun percorrido transversal interno, creando así mesmo novos itinerarios que terán continuidade no Ensanche santiagués e outras sendas como é por exemplo a de Sar.

Serán un total de 158.150 euros os que está previsto investir neste proxecto de remodelación, para o que se conta cun prazo de execución de tres meses. Dentro desta iniciativa, apostarase pola eliminación de barreiras arquitectónicas, co obxectivo de poder asegurar a accesibilidade de todas as persoas que o desexen, creando diferentes estruturas metálicas de vigas simples apoiadas sobre estribos nos estremos do leito do río, e seguindo o modelo das outras pasarelas xa existentes.

Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (Edusi-Revive Compostela).