Protagonista

Polonia e Italia teñen as universidades que reciben máis Erasmus da USC no curso actual

O número de estudantes que se forman nun país da UE recuperouse tras a covid ata chegar aos 514 este ano // Tan só hai catro alumnos nun estado extracomunitario

Estudantes da Universidade de Santiago camiñando polo campus norte

Estudantes da Universidade de Santiago camiñando polo campus norte / antonio hernández

Un total de 514 alumnos da Universidade de Santiago fórmanse este ano nalgún país da Unión Europea, dos que 485 son do Campus de Santiago e os trinta restantes do de Lugo, o dato máis elevado dos últimos cinco cursos académicos. Por sexo son 352 mulleres e 162 homes. No curso anterior eran 489 alumnos/as; no curso 20-21, coincidindo coa pandemia, foron 263; no 19-20, 490, e no 18-19, un total de 500. “Houbo un parón obrigado pola covid, onde se produciu un descenso xeralizado da mobilidade internacional en todos os programas, non só no Erasmus”. Agora vese que hai unha recuperación progresiva nos dos últimos cursos académicos”, manifesta a vicerreitora de Titulacións e de Internacionalización da USC a este medio, María José López Couso, coa idea de que a cifra “se manteña estable e se é posible que incluso aumente o número de estudantes que enviamos fóra”.

En canto ao orzamento concedido para todas as accións do programa Erasmus+ KA131, este curso elevouse ata os 1.869.139 euros, superior aos anos anteriores. No curso 21-22 a Universidade recibira 1.270.538 euros e no anterior, marcado pola covid, 702.702 euros. O diñeiro recibido depende da solicitude que un faga á Comisión Europea. “Todos os anos, no mes de febreiro, temos que facer unha petición para o programa do curso seguinte. Dependendo das accións que se inclúan na mesma, e da valoración que se faga das propostas por parte da Comisión Europea, as universidades recibimos máis ou menos diñeiro”, destaca López Couso.

O que valoraron este ano foi a posibilidade de incrementar a solicitude para intentar dar cabida, de cara ao futuro, non só a actividades de mobilidade física, senón outras modalidades que ata agora estaban moi pouco exploradas e que a Comisión Europea está implementando nestes últimos anos, como por exemplo a mobilidade híbrida ou virtual.

No referente ao alumnado saínte neste curso por titulación, as titulacións máis implicadas son Medicina (53 estudantes), Administración e Dirección de Empresas (44), Dereito (37) e Lingua e Literatura inglesas (32), graos con un elevado número de matrículas de estudantes. “Hai un número importante de estudantes que solicitan ir de Erasmus e non acaban indo porque non hai prazas suficientes para todos”, afirma, ao que engade: “estamos traballando en intentar restablecer convenios novos para aumentar a oferta e evitar que haxa tanta lista de agarda”.

As universidades que máis estudantes reciben da USC este ano son a Uniwersytet Lodzki de Polonia (25 alumnos/as), a Università di Bolonga - Alma Mater Studiorum de Italia (21 alumnos/as) e a Università Degli Studi Di Roma La Sapienza de Italia (17).

Á hora de seleccionar destinos, os estudantes fan unha solicitude centralizada á Oficina de Mobilidade, aínda que despois cada facultade e cada escola fai a súa asignación provisoria de destinos e que despois se converte en definitiva, dependendo dos convenios que teñan asignados para as titulacións que imparten. Son clave o coñecemento do idioma por parte do alumnado e a media do expediente académico.

“Sempre hai alumnos que teñen que elixir outros destinos que non pensaran inicialmente. De todos os xeitos, creo que moitas veces hai estudantes que van a lugares que nunca elixirían como primeira opción, e acaban aprendendo moito, ademais de coñecer outra lingua, sistema e cultura”, conta a vicerreitora.

Por outra banda, está o programa Erasmus+ KA171, estudos en países extracomunitarios, no que este curso tan só hai catro alumnos do Campus de Santiago que optaron por el (dous homes e dúas mulleres). O curso anterior foran doce, o récord dos últimos cinco anos. O orzamento co que conta a Universidade de Santiago para este programa entre os anos 2022 e 2025 é de 924.125 euros.

As titulacións implicadas son o grao en Historia do Arte, o programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea, o programa de Doutoramento en Economía e Empresa e o programa de Doutoramento en Estudos da Literatura e da Cultura. Neste caso, os países máis demandados son Bosnia e Herzegovina, Xapón, Líbano e Nova Zelanda.

Plan de internacionalización

Na actualidade a vicerreitoría dirixida por María José López Couso está traballando na elaboración dun primeiro borrador do novo Plan de Internacionalización que espera ter rematado e sometido a consideración dos órganos de goberno da USC antes de que remate o curso. Nel apóstase por unha internacionalización da Universidade no seu conxunto; “do estudantado a través de programas de mobilidade física, virtual, combinada e o que se convirte na internacionalización na casa, xa que tamén hai fórmulas de internacionalizar sen moverse da propia Universidade, e así mesmo, do persoal de administración e servizos e do persoal docente e investigador”, apunta López Couso.