Sánchez Bugallo promete ampliar o Servizo de Axuda no Fogar para atender os maiores que viven sós

O candidato socialista destacou o incremento do 85% dos recursos do SAF e a intención de consolidar o Servizo de Urxencias Sociais (Semus)

Sánchez Bugallo acompañado polo seu equipo na homenaxe a Fernández del Riego / PSdeG

Sánchez Bugallo acompañado polo seu equipo na homenaxe a Fernández del Riego / PSdeG / Redacción

Redacción

Na xornada das Letras Galegas, o alcalde en funcións e candidato á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, visitou do Centro das Avoas, na Pontepedriña, para presentarlle á veciñanza o seu programa para a xente maior que vive soa. Entre outras cuestións, o candidato do PsdeG falou de ampliar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), consolidar o Semus (Servizo de Urxencias Sociais), posto en marcha neste mandato, e crear o ‘Barrio Verde da Pontepedriña’.

Sánchez Bugallo lembroulle ao público asistente que xa está a traballar no apoio ás persoas que viven soas a través do SAF, a pesar de non entrar na cuestión de que se trata dun servizo que ten convocada folga para o día 22 deste mes por mor de que a concesionaria non está a cumprir, demandan as traballadoras, cos pregos de contratación. Segundo cometentaba días atrás a EL CORREO Soledad García, representante da CIG no comité de empresa, a folga manterase mentres non concedan “unha persoa coordinadora por zona, a zonificación das traballadoras, que non se recurten horarios senón que se suban as horas do cadro de persoal sen necesidade de contratar máis persoal e que a coordinación avise co tempo legal ás traballadoras sobre o domicilio e ás tarefas que deben desempregar”.

A este respecto, o alcalde en funcións explicou que no seu mandato se “incrementaron nun 85% os recursos do SAF, pasando dun orzamento de 1.979.666 euros en 2021 a 3.080.048 euros na actualidade”. Un aumento que se centrou en “rematar coas listas de agarda”.

Tamén durante este mandato, o goberno municipal puxo en marcha o Semus, para responder as emerxencias sociais, un servizo que, sinalou Sánchez Bugallo, “vai quedar consolidado nos próximos anos”.

Homenaxe a Del Riego

Xosé Sánchez Bugallo tamén presidiu, na xornada de onte, o acto de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, a quen se dedicaron as Letras Galegas deste ano, xunto a outros membros do goberno e da candidatura, como a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Cunha imaxe del xunto a súa muller Evelina, sacada desde o Campiño da Ferradura, onde tivo lugar o acto, Bugallo e Rosón quixeron destacar a herdanza cultural que deixa tras de si o autor: “Francisco foi un dos impulsores do 17 de maio como Día das Letras Galegas, un dos activistas incuestionables desta cidade e de toda Galicia” recalcou Mercedes Rosón.