O ‘plan Bugallo’ para o casco histórico: máis prazas de aparcadoiro e buses a demanda

O alcalde e candidato á reelección destaca a importancia da recuperación do parking da Praza de Galicia e a ampliación do de Belvís // Anuncia ademais a creación dun centro de día para a terceira idade

O alcalde de Santiago e candidato á reelección, Sánchez Bugallo, onte, durante un almorzo informativo no Casino

O alcalde de Santiago e candidato á reelección, Sánchez Bugallo, onte, durante un almorzo informativo no Casino / JACOBO TÁBOAS

“Conectividade, accesibilidade e eficiencia enerxética”. Son os tres eixos principais sobre os que pivotan as accións que o alcalde de Santiago e candidato a reelección o próximo 28 de maio, Xosé Sánchez Bugallo, presentou onte aos medios. “Impulsaremos unha liña de axudas directas aos novos comercios que se instalen no casco histórico, un sistema de transporte a demanda para facer máis accesible a zona amurallada, crearemos un centro de día e impulsaremos a rehabilitación de vivenda co recadado coa taxa turística, explicou o candidato socialista na capital galega.

En materia de recuperación e posta a punto de vivendas para o uso residencial, o alcalde explicou que, na última década, Santiago viviu “as consecuencias da minoración dos ingresos do Consorcio”. “Hai trece anos dedicaba 4,6 millóns de euros anuais a políticas de rehabilitación e agora só aporta 1,2 millóns”, indicou. Por iso, anunciou a proposta de que, cando a taxa turística estea en marcha, “como mínimo o 50 % dos seus ingresos estean destinados para a rehabilitación de vivenda residencial”.

O obxectivo para o PSdeG é equilibrar o tirón do mercado para facer da zona vella un espazo como a veciñanza reclama, algo que pasa, sinalan, por abordar catro temas fundamentais: a conectividade, a accesibilidade, a eficiencia enerxética e o tamaño da vivenda. “Estas cuestións deben abordarse atendendo ás condicións de cada caso concreto”, afirmou Sánchez Bugallo, antes de explicar que “ao uso residencial hai que darlle unha normativa reguladora rigorosa”. “Falamos dunha cidade que é Patrimonio da Humanidade”, incidiu. Ademais, o alcalde apuntou que hai que hai que facer un esforzo importante porque falamos de edificios do século XVI ou XVIII e poden supor “unha perda irreversible e irreparable”.

“A dificultade obxectiva máis complexa pasa polo problema do tamaño”, apuntou o alcalde, quen engadiu que antes moitos edificios eran pazos urbanos, “cunha estrutura que non se adapta ao tamaño das familias actuais que están formadas por dúas ou tres persoas”. “Podo dicir que buscaremos as fórmulas para facilitar a adaptación do tamaño da unidade residencial resultante á demanda social”, asegurou.

No marco dun acto cos medios no Casino de Santiago, o rexedor compostelán sinalou que as súas “grandes preocupacións son vivenda estable, a recuperación do comercio de uso tradicional e os temas de mobilidade e conectividade”. Con estes puntos afronta todas as propostas para a cidade histórica. O que fará, dixo, é subvencionar e apoiar o comercio tradicional, partindo de que non hai unha base legal para evitar a apertura de outro tipo de locais.

Uso residencial estable

Outra proposta clave, sinalou, é a recuperación da empresa municipal da vivenda e solo de maneira que agora si interveña especificamente na cidade histórica. Este medio serviría para materializar as previsións do rexistro de solares, que se debe converter, apuntou, nun instrumento habitual.

“Todo isto non quere dicir que na revisión do Plan Especial non se poida estudiar de forma individual algún caso singular no que proceda revisar o uso que ten atribuído”, explicou Sánchez Bugallo, incidindo en que deben ser casos concretos. O obxectivo final, dixo, é o de promover o uso residencial estable con axudas económicas neste sentido. O alcalde dixo que é consciente de que o uso comercial dá máis rendibilidade económica aos propietarios e por iso se debe motivar con subvencións.

Ademais, volveu a resaltar a importancia da recuperación do parking da Praza de Galicia e a ampliación do aparcadoiro de Belvís, que “permitirán incrementar a oferta de prazas para a Cidade Histórica”. Outra proposta que defendeu é a implantación do sistema de transporte a demanda, especialmente na améndoa do casco histórico, para compensar as dificultades de accesibilidade e mobilidade das persoas que aí residan.

Tamén considera fundamental a apertura dun centro de día nesta zona, cuestión para a que debe falar coa Igrexa, propietaria dunha gran cantidade de inmobles, algúns deles dunhas características e valor excepcional. A cuestión radica en que moitos deles están pechados, sen ningún tipo de uso. “Isto está supoñendo unha carga para a Igrexa e hai unha serie de inmobles que poden valer para poñer o centro de día, explicou Sánchez Bugallo.