Simulacros de evacuación nas escolas infantís de Santiago: centos de cativos aprenden como actuar ante incendios

Este martes tivo lugar o simulacro na EIM de Conxo, no cal participaron arredor de 70 cativos

O mércores haberá dous simulacros máis: na escola de Fontiñas, ás 10, e na de Meixonfrío-Salgueiriños, a partir das 10:30

Un dos rapaceS subido ao camión dos Bombeiros

Un dos rapaceS subido ao camión dos Bombeiros / Concello de Santiago

Redacción

As escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños participarán ao longo desta semana en tres simulacros simulando unha situación de emerxencia co obxectivo de mellorar a seguridade dos escolares e dos profesionais co centro ante este tipo de situacións.

Está mañá tivo lugar o simulacro na EIM de Conxo, no cal participaron arredor de 70 cativos. Os concelleiros de Educación, Míriam Louzao, e de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, tamén estiveron presentes na xornada.

Estes simulacros permiten poñer en práctica un traballo eficaz de coordinación para implementar os protocolos de seguridade dos centros para nenos e nenas de curta idade. Máis de 250 escolares participarán esta semana nos simulacros que continuarán con dúas novas sesións mañá, 28 de xuño, ás 10 na escola de Fontiñas e ás 10:30, na de Meixonfrío-Salgueiriños.

Todos eles levanse a cabo coa actuación coordinada da Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, os técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís e o seu alumnado.

Os concelleiros Míriam Louzao e Xan Duro asistiron ao simulacro realizado na EIM de Conxo

Os concelleiros Míriam Louzao e Xan Duro asistiron ao simulacro realizado na EIM de Conxo / Concello de Santiago

Neles, plantéxase unha situación de emerxencia como é un pequeno incendio no comedor ou noutra estancia especialmente significativa da escola, o que desencadea a actuación da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil.

Con respecto aos cativos que poden andar, búscase que aprendan a actuar en caso de situación de perigo recoñecendo os sinais de emerxencia e que se agrupen e sigan as instrucións dos docentes, que serán quen dirixan na práctica o operativo.

Así mesmo, este tipo de actuacións teñen por obxectivo aproximar os servizos de seguridade de Santiago á cidadanía compostelá, promovendo hábitos saudables e de conducta cívica dende as idades máis temperás.

A Rede Municipal de Escolas Infantís conta cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares do Departamento de Educación.