Raxoi instala nova sinaléctica para lembrar a prohibición de circular en bicicleta por San Pedro

As persoas que utilicen bicicletas deberán desviarse pola rúa da Angustia cara a rúa de Bonaval

Sinaléctica de desvío para os ciclistas

Sinaléctica de desvío para os ciclistas / Concello de Santiago

Redacción

O Concello vén de instalar nova sinaléctica en San Pedro para advertir da prohibición de circular en bicicleta pola rúa. As persoas que as utilicen deberán desviarse pola rúa da Angustia cara a rúa de Bonaval. Con esta medida, o Departamento de Mobilidade pretende mellorar a convivencia neste punto de entrada do Camiño de Santiago.

Así, Xan Duro, Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, recorda que "un dos puntos máis conflictivos no acceso do turismo da xente peregrina á cidade é o entronque entre a rúa de Conxeiros e o cruceiro de San Pedro", na cal "pásase dunha rúa de dobre sentido a unha rúa de sentido único en dirección subida, iso significa que as bicicletas non poden acceder e estano facendo en dirección contraria e moitas veces a velocidades pouco adecuadas e xerando situacións de risco para unha rúa que é fundamentalmente peonil". Por este motivo, o Concello reforzou a sinaléctica nese punto e está mantendo "presenza policial ao longo do día dende a semana pasada, fundamentalmente informativa" co obxectivo de explicarlle á xente que por aí non pode baixar montando en bici.

Unha vez instalada esta nova sinalización ao respecto do uso da bicicleta, comezarán as sancións polo mal uso deste vehículo. O obxectivo do Concello é garantir a convivencia e a seguridade na rúa de San Pedro, onde se viñan recibindo múltiples queixas pola presenza fundamentalmente de peregrinos e peregrinas que circulan en bicicleta nunha rúa de tráfico restrinxido e contra o sentido de circulación establecido para os vehículos autorizados, e en moitas ocasións a velocidades inadecuadas.