"Foron os que crearon Santiago”

‘Picheleir@s’, unha ollada ao pasado

A compostelá Mercedes Gualteria Pintos vén de reeditar unha obra que descobre ilustres santiagueses dende o século XIII e que vía a luz por primeria vez acompañada dunha exposición de bandeirolas nos balcóns do casco vello

Catalina de Palomares, brosladora / Xulio Gayoso

Catalina de Palomares, brosladora / Xulio Gayoso / Ana Triñáns

Ana Triñáns

Edicións Positivas vén de sacar do prelo a reedición de Picheleir@s, unha obra da historiadora da arte Mercedes Gualteria que se editara por primeira vez en 2014, nunha edición bilingüe patrocinada polo Consorcio de Santiago. Naquela altura e en ocasións posteriores, o libro complementouse cunha mostra de bandeirolas que contiñan as personalidades retratadas no volume, obra do ilustrador Xulio Gayoso, e que penduraba de diversos balcóns de edificios públicos da cidade. Unha exposición que non puido repertirse desta volta, para disgusto da súa autora. “Foron problemas burocráticos os que impediron facer a mostra, non sei moi ben que pasou”, asegura.

Alén deste revés, a obra está xa nas librarías e contén historias de xente do común e de persoeiros “que foron os que crearon Santiago”, comenta Gualteria. No prólogo desta obra tan compostelá pode lerse que “en Compostela coñecemos moitos nomes de ilustres promotores de monumentos”, como poden ser Xelmírez, Fonseca ou Domingo de Andrade, “pero ao seu carón existiron miles de anónimas persoas que co seu esforzo calado fixeron que esta cidade sexa hoxe Patrimonio da Humanidade”. E con esta motivación foi coa que Mercedes Gualteria iniciou hai case unha década este proxecto.

Mariña Fernández de Tudela, doadora

Mariña Fernández de Tudela, doadora / X. Gayoso

“Procurei compensar a presenza de persoeiros de diferentes séculos, así coma os oficios e tamén busquei que houbese presenza feminina”. Así, entre as páxinas de Picheleir@s podemos descubrir á doadora Mariña Fernández de Tudela, que aló polo ano 1333, fixo doazón dun terreo na cortiña de don Xiao para edificar unha “capela, convento e hospital de Santa Cristina”. Un centro que se sostiña con esmolas e que en 1401 Maior Ares abastecía de auga. Precisamente esta última, é outra das mulleres que percorren o libro e que tivo o mérito de ser a única muller “limpadora de canos” da cidade, un oficio reservado aos homes e que ela conseguiu á morte do seu marido, coa vantaxe ademais de que se lle permitía que auga sobrante fose aproveitada para regar as terras que posuía no que hoxe é a rúa Senra.

Juana Estévez foi outra monxa doadora, e Catalina de Palomares unha ‘brosladora’, de cuxas mans saíron por exemplo os bordados para unha andas da capela da Corticela. “Quenta mill e ciento y once reales y beinte mrs”, conta Gualteria no libro, que tamén especifica que o mesmo oficio tiña o seu marido Juan de Romay.

Domingo Longo, pregoeiro

Domingo Longo, pregoeiro / Xulio Gayoso

Mercedes Gualteria chega até o século XX e homenaxea oficios como os das leiteiras, ou dúas mulleres que chegou a coñecer: a mestra, Celia Rodríguez ‘A manca’ e Pura, ‘hostieira’. A primeira delas tiña escola na Rúa do Medio e a ela levaban mesmo bebés aquelas mulleres que non podían coidalos porque tiñan que traballar e non tiñan con quen deixalos. “Había un cestón grande no que A manca deixaba os bebés mentres poñía escola aos seus alumnos”, lembra Gualteria. E Pura, vendía hostias na rúa Carretas, até a década dos sesenta, cun posto que se distinguía por ter un cartel azul e ao que acudía a cativada da época para que lles dese os recortes deste pan.

As leiteiras, os pedreiros ou os acibecheiros son algúns dos outros oficios que percorren Picheleir@s e ao seu carón figuras coma a do cambeador Lopo Peláez Fagúndez, pois Compostela gozou, grazas a ser centro de peregrinaxe e recibir visitantes de todas as partes do mundo, do permiso para poder acuñar moeda e establecer o cambio. O tal Lopo, como recolle Mercedes Gualteria na obra, “con domicilio n a Algalia e pertencente a unha das mellores familias compostelás, os Fagúndez, fora tamén alcalde”.

Mercedes Gualteria Pintos é a autora de ‘Picheleir@s’.

Mercedes Gualteria Pintos é a autora de ‘Picheleir@s’. / Ana Triñáns

Outras das figuras clave nos séculos XV e XVI eran, por exemplo, os pregoeiros, é o caso de Domingo Longo, grazas a quen a cidadanía podía coñecer os acordos municipais. “O trece de novembro de 1417, a altas voces e con anafil tangido pregoou as sobreditas Ordenanças en Quintaa de Paaços, prasa publica de dita çidade”, recolle Picheleir@s.

Outra das curiosas historias que recolle a obra de Gualteria é a do cóengo Rui Sánchez Moscoso, residente na rúa do Camiño, hoxe Casas Reais, que exerceu na Catedral e foi tamén arcediago de Deza. Os seus restos descansa na igrexa de Santa María do Camiño “á que estivo vinculado e non faltan autores como Carré Aldao que pensan que se non foi o fundador sería o principal mecenas”. Unha vez falecido e ao abriren o seu testamento, descubriuse que Rui Sánchez de Moscoso deixaba a súa luxosa mansión para “rescibimento et manteemento et consolacion dos ditos pobres e peregrinos de qualquer estado et condición que sexan”. Desafortunadamente nin a propia casa, nin a biblioteca do cóengo, nin o mobiliario da vivenda chegaron aos nosos días.

Mención especial merece o arquiveiro Pablo Pérez Costanti, “a quen lle debemos todo, o gran descoñecido de Santiago”, en palabras da autora. Un home que “durante anos viviu sepultado entre papeis, sacando á luz e salvando da humidade e das rilladuras dos ratos unha documentación que hoxe resulta imprescindible”. É o caso da súa obra Diccionario de artistas (1930) no que dá conta de máis de 600 nomes.