As enfermeiras do CHUS mobílizanse polos seus dereitos laborais e salariais

Denuncia falla de descansos e precariedade arrastrada dende a pandemia da Covid-19

Non descartan a posibilidade de folga

As enfermeiras do Hospital Clínico mobilizáronse este martes para demandar máis persoal

As enfermeiras do Hospital Clínico mobilizáronse este martes para demandar máis persoal / Cedida

As enfermeiras do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), convocadas polo colectivo ‘Enfermeiras APT’, concentráronse ás 13 horas de onte fronte ás portas do hospital compostelán para denunciar a falta de profesionais, ratios demasiado elevadas, e a “completa anarquía” na organización das tarefas de coidados. As enfermeiras reclaman tamén unha mellora salarial e os descansos regulamentarios, cos que non se está a cumprir, aseguran, dende a pandemida da Covid-19.

Unha convocatoria que congregou a enfermeiras eventuais, fixas e interinas, “porque todas padecemos o mesmo”, afirmaba a DUE (Diplomada Universitaria en Enfermaría), Patricia Fraga. “A precarización do sistema está a causar que as enfermeiras se vaian para outras comunidades ou para a sanidade privada, neste último caso os soldos xa están equiparados pero alí hai descansos”, aseguraba Fraga. “Se en San Lázaro non sentan a negociar unha mellora das condicións de traballo, tanto económicas como de organización”, explicaba Patricia Fraga, as enfermeiras non descartan ir á folga

Patricia Fraga tamén denuncaiba que a “cúpula directiva está sobredimensionada” e que dende a pandemia non se cobre o persoal que falta. A enfermeira relata que se contacta dun momento para outro a través de mensaxes telefónicas para ver quen está libre e que a maior parte do tempo de organización se vai nestas tarefas e, en consecuencia, nalgunhas salas ou plantas “non hai resposición de materiais” porque ninguén se estivo a ocupar diso.

Ademais, Fraga explica que hai multitude de programas informáticos, “para a medicación un, outro para o plan de coidados, outro para dar unha alta”, o que conleva unha burocracia nada práctica e que supón, tamén, “cada programa unha licenza que están a pagar todos os contribuíntes”, denuncia. “Hai cartos pero cada vez xestiónanse peor”. As enfermeiras reivindican os seus dereitos de calidade laboral e salarial pero a interlocución da xerencia do Sergas “aínda non as atende”. 

Estas reivindicacións non foron exclusivas da capital, repetíronse durante toda a mañá fronte aos complexos hospitalarios da Coruña, Lugo, Monforte e Pontevedra.

Las enfermeras del CHUS denuncian una "completa anarquía" en la organización y no descartan ir a la huelga

Las enfermeras del CHUS denuncian una "completa anarquía" en la organización y no descartan ir a la huelga / Cedida

Sergas defende que dende a pandemia hai mil enfermeiras máis

Dende a xerencia do Sergas, en relación coa mobilización das enfermeiras demandando máis persoal e mellores condicións laborais, aseguran que os “cadros de persoal de enfermería incrementáronse en mais de 1.000 profesionais de media, tanto en atención primaria como en hospitalaria”, algo que desmentían as manifestantes. 

Ademais, dende a dirección sanitaria aseguran que se melloraron “substancialmente” as cotas de atención primaria e as ratios en unidades especiais e de hospitalización.

Fai referencia o Sergas no seu comunicado a que “o persoal de enfermaría mellorou substancialmente as súas condicións de traballo no pasado mes de xullo, cunha rebaixa de 16 días de traballo efectivo en tres anos, así como unha suba salarial en moitos conceptos como festivos, sábados e domingos”. 

“Así, tamén”, engaden “diversas políticas de igualdade e medidas de benestar dirixidas aos profesionais da enfermaría nestes anos, fan que o coidado do persoal sexa unha constante”. 

O Servizo Galego de Saúde insiste en que actualmente, hai no CHUS preto de 1.000 enfermeiras especialistas e delas 200 están traballando en atención primaria nas especialidades de pediatría, familiar e comunitaria.