O Partido Popular denuncia o estado dos parques infantís do Ensanche e o retraso no de Villestro

Os populares critican a falta de planificación á hora de acometer as obras

O concelleiro Adrián Villa censura a coincidencia da renovación do parque da Alameda coincidindo co inicio do curso

O parque infantil da Praza de Galicia, en Santiago

O parque infantil da Praza de Galicia, en Santiago / Compostela verde

Redacción

O concelleiro do PP de Santiago, Adrián Villa, denunciou este martes o estado dos parques infantís do ensanche, concretamente, o da Praza de Galicia. Nun momento no que o parque infantil da Alameda está pechado para realizar unha remodelación integral, o edil manifestou que, “de novo, estamos ante unha falta de planificación e sen sentido no que ao momento de acometer as obras se refire”. Deste xeito, Villa asegura trasladar a queixa de numerosos pais e nais que, co comezo do curso escolar, observan como o parque da Alameda está pechado e os parques de Praza de Galicia, Praza Roxa e Praza de Vigo, os máis empregados da cidade, están nun estado lamentable. 

“Novamente estamos ante unha falta de planificación”. Así se referiu ao feito de que, ao igual que moitas actuacións que se están a levar na cidade nestes momentos, a obra do parque da Alameda se estea a levar a cabo xusto no inicio do curso escolar. Neste mesmo senso, e en referencia aos parques do Ensanche, Adrián Villa criticou que non se tivera realizado un mantemento nos meses de verán para que "agora, no inicio do curso e ateigados de cativos e cativas, se atopen en malas condicións e, o que todavía é peor, inseguros ao faltar losetas de caucho no chan".

Por último pediu un mantemento exhaustivo para este tipo de instalacións e destacou que se se realizan novos parques non sexa só para asistir a inauguracións e que, meses despois, queden no olvido e se atopen en condicións lamentables”. 

Retraso no parque infantil de Villestro

Pola súa banda, os concelleiros do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia e Borja Rubio, achegáronse ata Villestro para compartir cos veciños a preocupación polo futuro do parque infantil proxectado para a zona.

Barcia amosou o seu interese polo malestar dos veciños, que levan agardando por ese parque desde hai anos, e que se sinten enganados tras ver como o único que se fixo ata agora é poñer un cartel anunciado a execución dunhas instalacións que nunca chegan.

Así, para a edil popular "resulta incrible que, estando licitado desde hai meses, nada se saiba sobre esta obra", e que a información lles chega "consista nun ruxe ruxe que pasa porque hai un sobrecusto sobre o licitado e non se pode facer nas condicións establecidas nos pregos".

Neste senso Barcia pregúntase "como é posible que unha obra licitada este mesmo ano conte xa cun sobrecusto que podería chegar a bloqueala" e esixe ao goberno do BNG que explique en que fase está esta obra e se realmente se vai instalar alí o parque infantil que tanto tempo levan demandando os veciños.