Melloras

Raxoi adxudica a obra da Praza de Abastos, que terá que estar rematada nun prazo de 130 días hábiles

O Concello de Santiago pretende poñer en valor o edificio incrementando a súa funcionalidade

Turistas en el acceso al Mercado de Abastos

Turistas en el acceso al Mercado de Abastos / Jesús Prieto

O goberno local de Santiago deu onte luz verde á adxudicación do contrato de obras de reforma da praza de Abastos á empresa Inside The Team, S.L por un importe total de 451.278,16 euros, IVE engadido. Con esta actuación, o Concello de Santiago pretende poñer en valor este edificio, incrementar a súa funcionalidade e facelo máis cómodo e accesible a cidadanía e visitantes. Tamén se acordou conceder ás licenzas de obra ao Consorcio de Santiago para a reparación de fachada e restauración dos elementos escultóricos e ornamentais da fachada leste do Pazo de Raxoi e á USC para a reforma interior do colexio maior San Clemente.

A empresa adxudicataria do contrato para reformar a Praza de Abastos contará cun prazo de execución de 130 días hábiles dende a sinatura do contrato para levar a cabo unha serie de actuacións nas marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central. O orzamento adxudicado ascende a 451.278,16 euros (base impoñible de 372.957,16 euros máis IVE do 21% de 78.321,00 €).

Un dos elementos sobre os que se vai actuar son as marquesiñas de vidro. En concreto, naquelas situadas sobre os postos da muralla traballarase para eliminar as filtracións e mellorar o mantemento do falso teito. Para este fin establecerase unha pendente mínima de 1,5 % ao plano de vidro da cuberta, cunha instalación dunha nova baixante por canlón, unha nova impermeabilización adherida ou flotante sobre o canlón, e a instalación dun novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se instalará un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e de máis sinxela limpeza e mantemento. Polo que respecta aos estores verticais que protexen do sol aos postos localizados sobre a muralla, serán recolocados entre os piares para facilitar o seu mantemento, ao seren pezas máis pequenas.