Síguenos en redes sociales:

A CIG pide a Inspección de Traballo que peche o centro loxístico de Correos de Lavacolla por "risco biolóxico"

O sindicato denuncia un grave problema de falta de hixiene, xa que "levan sen limpar desde hai más de mes e medio"

Aena sustituirá el ventanal roto de la torre de control de Lavacolla antes de que acabe el año

A CIG pide a Inspección de Traballo que peche o centro loxístico de Correos de Lavacolla por "risco biolóxico"Cedida

O sindicato CIG vén de presentar unha nova denuncia perante a Inspección de Traballo reclamando o peche, por “risco biolóxico”, do centro loxístico de Correos en Lavacolla, en tanto non se proceda á limpeza e desinfección do centro de traballo. Denuncia que o persoal desenvolve a súa actividade en presenza de ratas, cascudas, insectos e outros microorganismos, tal e como consta no informe elaborado polo propio servizo de prevención da empresa pública. A falta de limpeza débese á folga indefinida que manteñen os traballadores da concesionaria de limpeza de Correos, que lle adebeda varios meses de salario ao persoal.

O CTA de Correos (Centro de Tratamento Automatizado) realiza a clasificación da correspondencia e paquetería para toda Galicia. No centro de Lavacolla traballan unhas 150 persoas repartidas en tres quendas, sete días á semana. Este persoal, segundo denuncia a CIG-Correos, está traballando en condicións insalubres. Xa hai aproximadamente 15 días, o servizo de prevención de Correos confirmaba que había un risco moderado e advertía da posibilidade de que a curto prazo se elevara a risco grave. “Ao noso entender isto é xusto o que está pasando agora”, explica o secretario de Organización de CIG-Correos Manuel Anxo Álvarez Amado. Por iso, na denuncia presentada, debido ao deterioro froito da falta de limpeza das instalacións “hoxe a xeración de microorganismos e ratas, cascudas e outros insectos, está descontrolada”, explican. Na denuncia advírtese ademais que o estado “é límite”. “Non temos máis que imaxinarnos a situación de 150 persoas utilizando diariamente os 40 urinarios que hai, que levan sen limpar desde hai máis de mes e medio”, sinala Álvarez Amado.

Por iso, a CIG-Correos reclama o peche da instalación mentres non se resolva o grave problema de falta de hixiene que hai neste momento. Advirte ademais de que “se nos vindeiros días non se dá solución a este problema presentaremos máis denuncias diante doutros organismos e non descartamos tentar paralizar o centro de traballo”. O cdentro leva sen limpar máis de mes e medio, cando, por orde da Inspección de Traballo, Correos xa tivo que pagar a outra empresa de limpeza para que acondicionase as instalacións de Lavacolla ante a falta de hixiene.

O CTA non é o único centro afectado pola folga. A semana pasada xa houbo mobilizacións do persoal de Correos da oficina do Franco e da unidade de reparto de Costa Vella, tamén para denunciar as condicións insalubres nas que está traballando o persoal destas oficinas. Álvarez Amado considera que “a imaxe que Correos está dando ao público, que tamén se ve afectado pola ausencia de condicións hixiénicas das oficinas, é denigrante. Non é normal que a xente que vén enviar un paquete teña que andar saltando montes de porcallada”. 

Pulsa para ver más contenido para ti