O Edificio Fontán da Cidade da Cultura, candidato ao premio Mies van der Rohe

Trátase do galardón de arquitectura contemporánea máis destacado da Unión Europea

O Edificio Fontán, candidato ao Premio Mies Van der Rohe de arquitectura contemporánea da Unión Europea

O Edificio Fontán, candidato ao Premio Mies Van der Rohe de arquitectura contemporánea da Unión Europea / Cidade da Cultura

O Edificio Fontán da Cidade da Culturaé un dos contendentes para optar ao codiciado Premio de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea Mies van der Rohe (EU Prize for Contemporary Architecture - Mies van der Rohe...), o galardón de arquitectura contemporánea máis destacado da UE.

Os prestixiosos #EUmiesAwards outorgados pola Comisión Europea e a Fundación Mies van der Rohe, recibiron un total de 362 obras arquitectónicas procedentes de 38 países europeos. As propostas foron presentadas por unha rede de expertos e asociacións de arquitectura de toda Europa. De entre elas, o xurado seleccionará as 40 finalistas que competirán por este recoñecemento tan destacado.

Un edificio para estudar o patrimonio

Promovido pola Xunta de Galicia, o Fontán foi concibido como un espazo destinado a potenciar a investigación de excelencia nos estudos sobre o patrimonio, acollendo tamén servizos que dan apoio ás tres universidades galegas. Caracterizado pola funcionalidade, sostibilidade e austeridade dos materiais, foi deseñado por Andrés Perea —responsable xunto a Euroestudios do proxecto e da dirección das obras—, Elena Suárez Calvo e Rafael Fernández Torrelo.

Tanto desde o punto de vista orzamentario como operativo, o Gaiás supuxo a oportunidade de desenvolver este proxecto reducindo o seu custe, ao edificarse sobre unha estrutura xa existente –inicialmente destinada ao Teatro de Música–, así como ao aproveitar as instalacións tecnolóxicas, de seguridade e servizos xa existentes.

O Edificio Fontán nos #EUMiesAwards

Unha vista interior do Edificio Fontán, candidato aos #EUMiesAwards de arquitectura contemporánea

Unha vista interior do Edificio Fontán, candidato aos #EUMiesAwards de arquitectura contemporánea / Manuel G. Vicente

"As obras do Teatro da Ópera da Cidade da Cultura”, segundo se explica na páxina oficial dos galardóns, "foron interrumpidas hai tempo. Anos máis tarde", continúa, "A Fundación Cidade da Cultura decidiu reutilizar, habilitar e completar a estrutura existente para o novo Edificio Fontán" e sinalan que o principal obxectivo de clientes e arquitectos foi "mellorar o nivel de vida e traballo diario das persoas usuarias".

Segundo explican o seus creadores, o Fontán proxectouse coma un "Metaproxecto: un deseño arquitectónico definido por altos elementos estructurais e técnicos de precisión, que crean o espazo interior, concibido de forma tan esquemática que permite unha ampla gama de solucións funcionais".

"Nós", din os autores do proxecto, "apostamos por un edificio comprometido co noso tempo, imprescindible na súa configuración e aceptamos a súa aterrizaxe, case ingrávida, no contexto construtivo da obra de Peter Eisenman, sen nostalxia nin retórica".

Espírito dos Mies van der Rohe

O Edificio Fontán competirá con outras 362 obras seleccionadas de 38 países ao premio Mies Van der Rohe da UE

O Edificio Fontán competirá con outras 362 obras seleccionadas de 38 países ao premio Mies Van der Rohe da UE / Manuel G. Vicente

Para a Comisión europea e a Fundación Mies van der Rohe, a arquitectura "é un proceso lento que se adapta aos cambios sociais, políticos e económicos".

Por iso, segundo expoñen, o premio persegue como obxectivos recoñecer e eloxiar a excelencia da arquitectura europea en termos conceptuais, sociais, culturais, ténicos e construtivos. Con eles quérese promover e comprender a importancia da calidade e reflectir a complexidade do significado mesmo da arquitectura, o seu impacto social e a mensaxe cultural que transmite.