Entrevista | Carlos Salgado Director del Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

“É necesario ter unha sede acorde ao nivel de esixencia e proxección do centro”

Carlos Salgado, físico teórico, profesor da USC e director do IGFAE/ |  J. PRIETO

Carlos Salgado, físico teórico, profesor da USC e director do IGFAE/ | J. PRIETO / lorena rey

Carlos Salgado (Monforte, 1971) é físico teórico, profesor titular na Universidade de Santiago e vicedirector do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), entre outros cargos. Como director del IGFAE destaca a captación de talento internacional do centro.

En 2024 o centro cumpre 25 anos. Cales son os grandes desafíos feitos realidade ata o momento?

O centro consolidouse como un centro de física de partículas e nuclear entre os mellores de España e de Europa. Tivemos unha captación de talento durante estes anos moi boa, en particular talento internacional. Dende os inicios a internacionalización foi un dos sinais de identidade. O centro crease para ser o nexo de Galicia coas grandes infraestruturas internacionais, en particular co CERN, onde estamos plenamente asentados e tamén noutras infraestruturas internacionais nas que fomos entrando nestes anos. A celebración dos 25 anos será cunha nova sede para o IGFAE que era unha demanda que tiñamos desde hai décadas e que estará terminada o vindeiro ano, duplicando a superficie que temos, en especial en laboratorios experimentais. Cabe destacar que nos últimos cinco anos practicamente duplicamos o persoal do centro polo que era unha necesidade ter unha sede acorde ao nivel de esixencia que temos e ao nivel de visibilidade e proxección internacional do centro.

En que punto se atopa a construción da nova sede do centro? Que van incorporar e achegar as novas instalacións e equipamento?

A sede está en obras desde hai poco máis dun ano, despois dunha fase de derrubos. Hai certo retraso, pero a súa construción ten que rematar a finais do 2024. As infraestruturas actuais son insuficientes para o noso desempeño científico, tanto a nivel de espazo de traballo para o persoal investigador como a nivel de infraestruturas científicas de laboratorio. Ademais, o novo centro está deseñado para responder á nosa estratexia que non é só puramente científica senón coa sociedade, o que se chama en inglés Responsible Research and Innovation (RRI) que é a relación que teñen os centros de investigación coa sociedade. O centro está deseñado para ter moitas zonas comúns e versatis que nos permitan nun momento determinado ter persoal científico traballando e, noutro momento, facer algunha actividade adicional que necesitemos para o noso RRI. En particular, no IGFAE nos últimos anos creamos unhas estruturas de comunicación coa contorna que reciben o nome de labs, como o ArtLab, un espazo de diálogo entre arte e ciencia ou o EduLab, un foro de intercambio e co-creación coa comunidade educativa.Todos estes espazos que polo momento non son físicos, poderán desenvolverse no novo centro.

Principais retos do centro para os próximos anos.

Os retos en física de partículas están moi ligados á estratexia que internacionalmente se establece para os novos grandes experimentos. Somos parte das colaboracións experimentais e participamos tamén na discusión e na toma de decisións de que grande experimento se ten que levar a cabo. Neste ámbito xa sabemos o que imos facer na década actual e estamos pensando o que imos facer na seguinte. Na década 2030 vai haber High-Liminosity LHC xunto a unha serie de retos técnicos para deseñar os detectores. Estamos tamén en experimentos de ondas gravitacionais, querendo participar no futuro a nivel de instrumentación. E a maiores colaboraremos en experimentos de física nuclear. Toda esta estratexia internacional é a que temos que relfectir na estratexia local do centro. Ademais hai dúas liñas que estamos empezando a analizar e que son a ciencia e tecnoloxía cuántica, onde desde hai anos xa vimos participando especialmente en computación cuántica, e o fin agora sería crecer en ciencias de tecnoloxías cuánticas, e a outra é a tecnoloxía asociada á hadronterapia de cara a mellorar a parte física.

Con cantos investigadores conta o IGFAE na actualidade?

O instituto conta cuns 120 investigadores, dos cales practicamente a metade son estudantes de doutoramento. Despois hai un 20% de pos doutorais, que vén ser persoal investigador internacional que chega ao centro por uns anos e ten moita mobilidade, sendo a maioría estranxeiros. O resto son juniors e seniors. Estes últimos son practicamente todos profesores da universidade.

O IGFAE traballa coa Organización Europea para a Investigación Nuclear. Nestes momentos está activa algunha colaboración?

Na acta fundacional de creación do IGFAE só aparece o CERN, pero co paso do tempo fomos participando noutras infraestruturas internacionais como a colaboración Pierre Auger, en Arxentina, a colaboración LIGO, nos Estados Unidos, o laboratorio de Canfranc, etc. A física de partículas organizáse en grandes colaboracións internacionais, e algunhas delas aglutinan a miles de persoas. No caso do CERN, a máis importante é a LHCB xa que case o 25% do personal investigador do instituto participa na mesma.

Financiamento co que conta o centro para o presente ano.

Nos últimos anos o centro dispón dun financiamento de arredor de seis millóns de euros de media, incluíndo a contribución da Universidade que se estima nun millón de euros. O financiamento que temos centralizado, do que bota man a dirección, vén a ser algo máis dun millón de euros e o resto pertence a proxectos de investigación dos propios investigadores. Como director teño que xestionar o diñeiro global do centro, e a maiores o que consigo por proxectos para o meu equipo de investigación.

Cre que a sociedade é consciente do que hai detrás do campo da física de alta enerxía, física de particulas e nuclear?

Considero que a sociedade en xeral está moi concienciada co papel esencial da ciencia. Tipicamente o interese, segundo o que din as enquisas, é primordial en temas de saúde, pero hai moita inclinación pola investigación básica, polo que vemos cando organizamos calquera tipo de acto de divulgación ou de comunicación. Un dos papeis da física de partículas é provocar vocacións e curiosidades no público partindo de que facemos as preguntas máis fundamentais que ten feito a humanidade. ‘Por que estamos aquí?’, ‘De que estamos feitos?’, ‘Como funciona o universo?’... E a xente agradece este traballo.

Como é a relación do instituto coa Xunta?

Gustaríame resaltar o papel fundamental que ten a Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) que é unha rede promovida dende a Consellería de Educación nos últimos anos, e que considero que é unha das accións individuais que ten levado a cabo o goberno autonómico que pode ter potencialmente máis impacto a longo prazo. Crear centros de investigación, apoialos e darlle financiamento estable é o que pode facer un cambio estrutural no modo de funcionamento destes centros. Sen este apoio institucional por parte da Xunta e tamén da propia universidade non sería posible nada do que contei ata o momento e o futuro que temos por diante.

Hai posibilidades de potenciar a expansión internacional do centro?

É o que estamos facendo e con bastante éxito, de feito. Isto vese reflectido nas colaboracións internacionais nas que participamos e a relevancia das mesmas, que vai crecendo. Outra maneira de medir esta internacionalización é a atracción de talento. Unha das prioridades que nos propuxemos despois de ser acreditados Unidade de Excelencia “María de Maeztu” no 2016 era atraer talento investigador, persoal avanzado na etapa pos doutoral e que eventualmente poida ter unha posición de liderado no futuro dentro do instituto, un pouco por relevo xeracional. Foi un programa tan exitoso que conseguimos atraer moito talento internacional e todos eles conseguiron axudas Ramón y Cajal nestes anos.