O arcebispo de Santiago amosa a súa vontade de darlle pulo ao galego na Igrexa na súa visita á sede da RAG

Monseñor Prieto avanza que en breve sairá do prelo a segunda edición do Misal no noso idioma e aposta por un maior compromiso na súa defensa

Freixanes reivindica a normalización e a presenza activa da lingua no culto relixioso

Monseñor Prieto defendió la normalización del gallego en la liturgia durante su visita institucional a la RAG, la primera de un miembro de la Iglesia

Monseñor Prieto defendió la normalización del gallego en la liturgia durante su visita institucional a la RAG, la primera de un miembro de la Iglesia / Cabalar (EFE)

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu este luns na sede provisional da institución académica a visita do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, nun encontro no que ambos representantes abordaron a importancia que ten o papel da Igrexa católica como axente normalizador da utilización do idioma galego.

A visita do prelado compostelán enmárcase no ciclo de reunións que está mantendo cos representantes das principais institucións galegas tras o seu nomeamento como arcebispo en substitución de monseñor Julián Barrio na pasada primavera. Un xesto o desta visita institucional que agradeceu Freixanes, dentro dunha cita na que recibiu a monseñor Prieto acompañado por Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, membros da comisión executiva da RAG, e polos académicos de número Andrés Torrres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal, ambos activos defensores desde os seus anos universitarios en Roma da galeguización na Igrexa.

O presidente da academia confiou en que monseñor Prieto facilite a galeguización da Igrexa, seguindo a estela de antecesores na arquidiócese como Manuel Lago González (1865-1925). Fundador da RAG e protagonista do Día das Letras Galegas de 1973, este relixioso tudense empregou a principios do século XX o galego e abriu expectativas para o seu uso que despois se viron truncadas, tal e como lembrou.

O arcebispo de Santiago amosou a súa vontade de darlle pulo á lingua do país no seo da Igrexa galega

Tras considerar que “todos temos que facer un esforzo como Igrexa para que a liturxia se normalice na vida das nosas comunidades parroquiais”, comprometeuse, “na responsabilidade que me toca de liderar a Igrexa en Galicia, de que se abran camiños para que esa normalidade vaia chegando, non nun horizonte afastado, senón cotián”. 

Monseñor Francisco José Prieto anunciou que proximamente está previsto que saia do prelo a segunda edición do Misal en galego, aínda que tamén recalcou que “podemos ter libros editados pero fai falta ademais ter suficiente sensibilidade e compromiso”. 

Agradeceu o labor da Real Academia Galega en defensa da lingua e a cultura propias, posto que “desde 1906 temos unha institución que coida da nosa lingua, que a promove, que defene unha forma de expresión que non é só unha gramática e un dicionario, senón unha maneira de vivir e de ser, a cultura de ser galegos".

Víctor F. Freixanes indicou pola súa parte o feito de que “a incorporación da galego á liturxia supuxo un esforzo grande, no marco do Segundo Concilio Vaticano”, algo que considerou que “en moitos aspectos segue pendente de realización".

Para o presidente da RAG, a “normalización do noso idioma pide a súa presenza activa tamén no culto relixioso e un compromiso decidido por parte da xerarquía católica”.

Engadiu, por último, que “a Igrexa galega sabe que conta coa RAG para canto signifique avanzar no uso do noso idioma no ámbito relixioso, na medida en que o consideramos unha expresión máis das preocupacións íntimas da comunidade”.