Estudo

Aumenta un 53% o número de peregrinos no Camiño Inglés

Antonio Leira, Julio Abalde, Manuel Mirás, Antonia Pérez-García e María Elvira Lezcano, durante a presentación do estudo na UDC / UDC

Antonio Leira, Julio Abalde, Manuel Mirás, Antonia Pérez-García e María Elvira Lezcano, durante a presentación do estudo na UDC / UDC / ECG

Redacción

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu onte a presentación da terceira edición do Estudo Demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés. Este proxecto, levado a cabo polas profesoras da Facultade de Turismo da UDC María Elvira Lezcano e Antonia Pérez, xunto cos tamén profesores Carlos Rodríguez Carro e Iria Caamaño, contou tamén coa colaboración dos estudantes Silvina Gómez Lema, Sergio Muiño Freire, Begoña Muiño Sar, Rebeca Mourelle Viqueira e Iria Cano Fariñas.

No acto de presentación, Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, recordou que este itinerario “foi o máis importante na Idade Media, e sen embargo foi tamén un dos máis esquecidos, algo que non acontece agora, xa que grazas á iniciativa por parte dos alcaldes de crear esta asociación e á colaboración institucional da Deputación da Coruña o Camiño está medrando de forma considerable e sustentable”.

Como dato xeral, o estudo revela que o número de persoas que realizaron o Camiño Inglés desde o ano 2019 incrementou nun 53,38%.