O Goberno compostelán anuncia para a próxima semana a presentación dos orzamentos

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, explicou que os técnicos municipais "están a ultimar os detalles" da proposta

O BNG presentou no Concello as emendas da formación ao proxecto de presupostos da Xunta que vai Pleno no Parlamento o día 19

A contía global das propostas que presenta o Bloque supera os 27 millóns de euros

A edil Míriam Louzao e a deputada Iria Carreira durante a súa comparecencia no Pazo de Raxoi

A edil Míriam Louzao e a deputada Iria Carreira durante a súa comparecencia no Pazo de Raxoi / BNG

"A próxima semana presentaremos o borrador de orzamentos e comezaremos a negociar cos grupos". Así respondía a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, ás preguntas dos xornalistas durante unha rolda de prensa no Pazo de Raxoi. A edil fixo referencia ao anuncio feito dende o Ministerio de Hacienda de ampliar a achega deste organismo ás entidades locais, explicando que tamén por este motivo "os técnicos do Concello están a ver cal sería ese aumento a ultimando outras cuestións" polo que "non queremos adiantar nada ata a presentación do borrador".

Miríam Louzao mencionou esta cuestión durante a comparecencia, xunto á deputada nacionalista Iria Carreira, para comunicar as emendas do BNG a outros orzamentos, os propostos pola Xunta que se debaterán en pleno o 19 de decembro e que buscan "que a Xunta aposte por Santiago".

Entre as emendas, cuxa contía global supera os 27 millóns, unha vez máis: o aparcamento do Hospital Clínico, o novo Centro de Saúde de Conxo, o Centro de día de Fontiñas, e Estatudo de Capitalidade e o Consorcio de Santiago.

A edil nacionalista reiterou unha vez máis que lle "corresponde á Xunta o investimento para ampliación do aparcadoiro do CHUS, xa que se trata dunha infraestrutura supramunicipal, que atende 46 concellos e de entre os pacientes só o 22% son de Santiago", polo que se inclúe un emenda de aumento da achega autonómica nun millón de euros.

A pesar da negativa da Xunta a asumir toda a responsabilidade de investimento neste asunto, que insiste en que é o procedemento que tamén se seguiu en Pontevedra ou na Coruña, e da oposición do líder do PP na cidade, Borja Verea, á negativa do resto de forzas municipais a asumir un aumento dos investimentos locais para este párking, Míriam Louzao asegurou que a cuestión "concita unanimidade social e política".

O BNG tamén presentará emendas relativas á construción dun novo centro de saúde en Conxo, cun investimento de 2,5 millóns de euros porque "as obras previstas -de rehabilitación- non son suficientes para atender a demanda e ter un servizo público sanitario de calidade". Louzao destacou tamén que esta medida "na proposta orzamentaria aparece só mencionada sen consignación específica".

"Seguindo as demandas veciñais e o envellecemento da poboación, en Santiago hai 24.115 persoas maiores de 65 anos", explicaba Louzao, inclúese unha emenda cunha dotación de 1,5 milóns de euros para a creación do Centro de día de Fontiñas. E en canto a saúde hai tamén unha proposta nova entre as emendas, esta cunha dotación de 200.000 euros para "crear un programa de intervención intensiva da conduta suicida, con equipo específico de persoal sanitario, e tamén recursos económicos", engadiíu a edil nacionalista.

Incrementar a dotación pola capitalidade e para o Consorcio

A nivel institucional as emendas do BNG en relación a Santiago están referidas ao Estatuto de Capitalidade e ao Consorcio. A capital galega non está a ver compensados os custos que lle supón esta circunstancias, "a Xunta pón 2.392.000 euros, o que non cobre nin o 30% de custos reais, propomos unha asignación de 3,1 millóns de euros para chegar aos 5,5 millóns", comentou Míriam Louzao.

O mesmo acontence co Consorcio de Santiago, para o que se pide un incremento de 2,8 millóns de euros para chegar aos 5,6 millóns, para reforzar o seu investimento xa que é clave para revitalizar a cidade histórica, asentar residentes e tamén para o Pazo de Congresos", que nos próximos meses estará en obras para reforzar as súas cubertas.

Nesta liña a edil de Capital Cultural tamén se referiu unha emenda para que a Xunta de Galicia participe economicamente na creación do Parque Comarcal de Bombeiros cunha achega de 200.000 euros.

Educación e deporte

O BNG incorpora nas súas emendas aos orzamentos da Xunta a necesidade de aumentar en 400.000 euros "no global o investimento para centros escolares e de ensino secundario" e outros tantos para construír o pavillón do CEIP Ramón Cabanillas nunha primeira fase. En materia de educación tamén se inclúen emendas para a creación do Conservatorio de Danza por unha contía de 400.000 euros e outra de 750.000 euros para ampliar o Conservatorio Profesional de Música.

Outras das reivindicacións, que o BNG ten en común con Compostela Aberta e PSOE, é a necesidade de que a Xunta se comprometa coa construción do novo edificio da Escola Oficial de idiomas, polo que a contía da emenda neste caso é dun millón de euros.

Ademais, instarán á mellora das instalacións do Estadio Verónica Boquete, e en canto a outros espazos deportivos Míriam Louzaou denunciou que "Santiago sofre a discriminación da Xunta fronte a outros concellos, soubemos en outubro que outorgara neste sentido 18 millóns a Ferrol". A edil lembrou que Compostela é "a única das sete cidades galegas sen instalacións deportivas propias da Xunta e hai anos que non fai investimento en materia deportiva en Santiago, a última foi o pavillón de Fontiñas en 2011".

Por todo isto Louzao asegurou, "emprazamos a todos os grupos e o deputado e tamén edil compostelán Borja Verea a que voten a favor porque significa mellorar as instalacións deportivas de Santiago".

Emprego, saneamento, rural e vivenda

Un Plan de emprego, creado pola Xunta, "para recuperar a xente emigrada, cunha dotación de 500.000 euros" e outro tanto para crear un "Plan de emprego para persoas con discapacidade" son outras das cuestións que o BNG levará ao debate plenario dos orzamentos. 

Canto ao saneamento, solicitar a colaboración da Xunta para a construción da EDAR da Silvouta volve estar unha vez máis enriba da mesa, no caso das emendas nacionalistas pediráselle á Administración autonómica unha achega dun millón de euros. Pero tamén se tocan as problemáticas dos asolagamentos, habituais en áreas coma o Sar, a avenida de Lugo ou o centro histórico, para o que se sollicita "a mellora da rede separativa e preventiva de asolagamentos, dentro da Estratexia Galega da Auga".

Miríam Louzao fixo referencia a que as propostas nacionalistas para os orzamentos da Xunta tamén inclúen "completar o saneamento no rural", cunha dotación de 3 millóns de euros, unha cuestión recollida no Pacto polo rural aprobado por todas as forzas locais, o que permitiría segundo a concelleira "fixar poboación no rural", así como a achega dun millón de euros "para mellorar a internet de alta velocidade" na mesma área.

O BNG tamén insta á Xunta a achegar un millón de euros para iniciar a creación dunha planta de compostaxe "e cumprir coa directiva europea de residuos, algo que ademais xeraría 150 postos de traballo directos".

No relativo á vivenda pública e "coa intención de favorecer este dereito ante o encarecemento dos alugueiros", as emendas solicitan un incremento de 2.200.000 euros para a construción de vivenda pública.