A reforma do centro de saúde de Conxo licitarase este ano por máis de cinco millóns de euros

A xerente do Sergas avanza no Parlamento galego que o proxecto de orzamentos para 2024 reserva 3,5 millóns para a anualidade

La gerente del Sergas, Estrella López-Pardo, durante su intervención en el Parlamento

La gerente del Sergas, Estrella López-Pardo, durante su intervención en el Parlamento / Xoán Crespo

A licitación da obra de reforma do centro de saúde de Conxo estará lista este ano, segundo avanzou a xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, durante a súa intervención onte no Parlamento de Galicia, na que indicou que a Xunta ten previsto investir unha contía de máis de cinco millóns de euros.

O proxecto de orzamentos do Goberno autonómico para o vindeiro exercicio dedicará 3,5 millóns de euros, destinados a reformar o centro de saúde compostelán que presta servizo arredorde 5.300 habitantes da capital galega. Tal e como resumiu a xerente do Sergas, “o que buscamos é adecuar o centro de saúde ás necesidades do século XXI cunha reforma integral e a ampliación dos espazos existentes” no devandito edificio. 

Así, a remodelación permitirá incorporar unha consulta de medicina de familia, outra de enfermaría, unha de farmacia e unha sala de cirurxía menor. Reformarase a área das unidades de saúde mental para pasar a contar con cinco consultas médicas, tres consultas de psicoloxía, dúas de enfermaría e unha sala de técnicas. 

Ademais, está prevista a creación dunha unidade de psicoxeriatría con catro consultas (dúas de psicoxeriatría, unha de psicoloxía e unha de traballo social).

Nos centros de saúde de Compostela investironse no que vai de lexislatura, segundo informa a Xunta nun comunicado, máis de 230.000 euros para acadar unhas infraestruturas máis accesibles e amables para os pacientes e facer unha mellora enerxética e lumínica nas mesmas. En concreto, destináronse 147.405,62 euros ao centro de saúde Concepción Arenal, 43.971,43 euros ao de Fontiñas e 43.214,92 euros ao de atención primaria de Vite.

Desta forma, e segundo o Goberno autonómico, segue en marcha o Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria da Consellería de Sanidade, que prioriza investimentos e axiliza trámites tanto dentro da propia Xunta como na colaboración cos diferentes concellos para obter os terreos necesarios. As tres fases nas que se distribúe o plan prevén a posta en marcha de 37 centros de saúde e a reforma doutros 14, entre os que se atopa o centro de saúde de Conxo na fase 0.

Dezaseis millóns para os hospitais composteláns

Por outra parte, desde San Caetano explícase que supera no presente ano unha partida orzamentaria de 250 millóns de euros dedicada a reformas e ampliacións de centros hospitalarios e construción de novos hospitais. 

No que se refire a Compostela, indica que se levan realizadas intervencións no hospital Clínico nos últimos exercicios, investindo 4 millóns de euros en Farmacia, 1,1 millóns en reformar a Unidade de Cuidados Intensivos, 450.000 euros na nova unidade de ictus, 1,65 millóns na ampliación de urxencias e 1,2 millóns no quirófano híbrido. A maiores disto, ao longo de toda esta lexislatura dedicáronse máis de 23 millóns de euros a equipamento tecnolóxico como a renovación do bloque cirúrxico, o robot Da Vinci ou os equipos HIFU. 

Ademais, o Goberno autonómico adxudicou o pasado mes de marzo as obras de ampliación do Clínico por un importe de 70,5 millóns de euros para culminar a renovación deste centro hospitalario, traballo de ampliación que permitirá contar con cinco novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas. 

Do mesmo xeito, está previsto que o Provincial de Conxo vexa mellorada a súa capacidade diagnóstica coa incorporación dunha nova resonancia magnética. 

Para levar isto a cabo, no orzamento do vindeiro 2024 a Xunta recollerá unha partida de 16 millóns de euros que permitan pór en marcha estas obras (15,2 millóns para a anualidade da obra de ampliación do Clínico e 1,3 millóns para Conxo).

En paralelo a estas intervencións nos centros hospitalarios da capital galega, a Xunta comezará este mesmo ano a construción do Centro Galego de Protonterapia, situado fronte ao hospital Clínico e que dará servizo a toda a comunidade desta nova técnica contra o cancro, chegando o investimento para a súa posta en marcha a preto dos vinte millóns de euros. 

A anualidade de 2024 prevé 14,7 millóns de euros, permitindo que o centro galego sexa o primeiro público de todo o territorio estatal en poñerse en marcha.

O Centro Galego de Protonterapia aplicará unha innovadora técnica que permite utilizar protóns para aplicar radiación directa a tumores e destruír as células cancerosas sen practicamente afectar os tecidos e órganos sans. Isto fai da protonterapia unha técnica especialmente indicada para tumores situados en zonas sensibles como o cerebro, a medula ou os ollos.