“O alumnado debe ver a intelixencia artificial como unha boa oportunidade de formación”

O de Castro vén de recibir a mención especial dos Premios Magisterio polos múltiples proxectos do centro

Hai implicación do profesorado neste ámbito

Javier Turnes, vicedirector do IES Rosalía de Castro e Jorge Gómez, profesor de Tecnoloxía do centro

Javier Turnes, vicedirector do IES Rosalía de Castro e Jorge Gómez, profesor de Tecnoloxía do centro / Cedida

O IES Rosalía de Castro recibiu a mención especial dos Premios Magisterio, que se entregaron o 13 de decembro en Madrid. A distinción é polas múltiples actividades que se desenvolven no instituto compostelán, pero tamén por ser pioneiros en achegar ás aulas a Intelixencia Artificial, tanto na súa vertente técnica coma na reflexiva, en colaboración co Centro Singular de Investigación de Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) da Universidade de Santiago. Xa no curso 2015-16, o alumnado de 4º da ESO, coordinado polo profesor Jorge Gómez, gañara o segundo premio de Ética e Ciencia da Fundació Víctor Grifols i Lucas polo traballo Implicaciones éticas de la inteligencia artificial. 

Os premios entrégaos dende hai máis dunha década a Revista Magisterio, para os que o seu persoal se encarga de realizar unha búsqueda de traballos, “algúns deles que se presentan á convocatoria e outros que o propio equipo rastrexa como son proxectos ou prácticas educativas”. Así o detalla en conversa con este medio o vicedirector do IES Rosalía de Castro, Javier Turnes, que foi a persoa encargada de recoller o recoñecemento. 

O centro non ofrece materias específicas de IA, as cales comezaron a impartirse o curso pasado como optativas. Trátase de IA para a sociedade en cuarto curso de ESO e Tecnoloxías intelixentes en 1º de Bacharelato. Sobre si esperaban que houbera alumnado suficiente (10 alumnos) para impartir estas materias había dúbidas. “Non tiñamos claro se ía ser un boom ao ser un tema de actualidade xa que no centro hai unha oferta moi ampla de optativas. Non se fixo campaña tampouco, xa que cada un ten que elixir a asignatura que máis lle interese”, di.

Turnes asegura que a Intelixencia Artificial chega ás aulas da man do profesor de Tecnoloxía e coordinador de TIC, Jorge Gómez.

Esta situación non preocupa ao docente, quen comenta que na asignatura de tecnoloxía xa se dan contidos de electrónica, robótica ou programación.

“Sempre quixemos ter o punto crítico de aspectos positivos e negativos deste mundo. En TIC 1 e TIC 2, que son materias específicas de Bacharelato de programación, inclúense contidos para ver como funciona e facer pequenas prácticas para que o alumnado vexa que é unha cuestión matemática, unha ferramenta que nos axuda como unha calculadora humana”, detalla Gómez.

O profesor Jorge Gómez asegura que o alumnado reflexa nos últimos anos interese por temas relacionados coa IA e a maiores cuestiónase o seu significado. Para os que se manteñen máis á marxe, Gómez intenta “crearlles ese gusanillo”, xa que principalmente os de Bacharelato “están enfocados aos estudos superiores e deben ver a IA como unha boa oportunidade de formación e emprego”. “É un campo novo polo que se abre unha oportunidade”, afirma.

“Non tiñamos claro se ía ser un boom (á hora de escoller asignaturas de IA), xa que no centro hai unha oferta moi ampla de optativas”

Javier Turnes

— Vicedirector del IES Rosalía de Castro

Tras escoitar esas declaracións, Javier Turnes asegura que o que máis lle gusta do traballo de Jorge é que consigue facer “unha aproximación moi adulta do tema. Non cae nun talibanismo tecnolóxico porque é unha ferramenta que está aí como outra, nin tampouco se ve como unha especia de fascinación nova que haxa que acoller sen crítica”. En definitiva, aposta por “sacarlle todo o partido que poidamos pero sen que nos absorba”. 

Javier Turnes, tamén profesor de Filosofía do centro, comenta que gracias ao seu compañeiro tivo a oportunidade de ter un diálogo con Alberto Bugarín, catedrático de IA da USC, xa que en Filosofía están interesados en saber como funciona a intelixencia artificial xenerativa para crear diferentes contidos, como pode ser o ChatGPT.

“Temos materias de programación para que o alumnado vexa que é unha ferramenta que axuda como calculadora humana”

Jorge Gómez

— Profesor de tecnoloxía no rosalía

Como un dos logros máis destacados dos últimos anos, Jorge Gómez cita o dunha alumna que acadou o segundo Premio Stephen Hawking para Xóvenes Investigadores, que convoca o centro desde fai cinco anos e no que participan estudantes de Bacharelato de toda Galicia. Judit González, que agora estuda o grao en Intelixencia Artificial na USC, centrouse en ver “ata que punto coñecemos ou non como funciona internamente a IA”. En concreto, a súa investigación centrouse nos algoritmos que interveñen nas recomendacións da aplicación Spotify. 

Outro dos proxectos estudou a implantación de chatbots na web do instituto, co obxectivo de mellorar a atención e resolver dúbidas dos estudantes. Ademais, céntranse na visión artificial, que se traduce en como pode un informático entender a realidade. “Este ano construimos un robot que entende a contorna e entende as señais de tráfico sen que haxa que programalo manualmente”, di.

Necesidade de formar ao profesorado

Os docentes de Tecnoloxía no centro compostelán son de titulacións moi diferentes, polo que o coñecemento en IA quédase curta para moitos deles. Por iso este ano a Consellería de Educación empezou a ofrecer formación da mesma. Ademais, “contamos coa Asociación do profesorado de tecnoloxía de Galicia (Apetega) e xa no pasado mes de setembro organizamos xornadas monográficas coa colaboración do CITIUS e con profesorado das universidades galegas”. Gómez asegura que é importante a “autoaxuda” para enfocar as materias, así como buscar información na rede e seguir a actualidade para ter contidos e traballar.

Un nuevo premio Stephen Hawking

Neste curso celebrarase a VI edición do Premio Stephen Hawking, o 19 de abril de 2024. Esta edición, cuxo lema é Intelixencias, está centrada na Intelixencia Artificial e a súa coordinadora é Amparo Alonso, catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. “Xa hai alumnado traballando e investigando en IA por conta propia e coas conferencias de Alonso o alumnado vaise empapar de coñecementos”, comenta Javier Turnes. Con todo asegura que existe desde o IES Rosalía unha aposta polas ensinanzas STEAM e pola internacionalización asociada a este contexto.