Entrevista | Noa Díaz Deputada durante catro anos do PSdeG no Parlamento de Galicia

“O desinterese da Xunta por Santiago débese a que non goberna a cidade”

Noa Díaz, durante unha intervención no Parlamento de Galicia

Noa Díaz, durante unha intervención no Parlamento de Galicia

{O Saviñao, 1974} Noa Díaz chegou ao Parlamento de Galicia en 2020 logo de exercer como concelleira de Educación, Igualdade e Políticas lingüísticas no Concello de Santiago. Catro anos despois, a deputada do PSdeG deixa a cámara autonómica para retomar o seu traballo como xornalista no gabinete de comunicación da USC.

Despídese do Parlamento logo dunha lexislatura, como se sente e que valoración fai destes catro anos?

Síntome ben, orgullosísima de ter tido esta oportunidade. Creo que a política non pode ser unha profesión, así que tiña claro que había data de saída. Pero tamén penso que oito anos completan un ciclo, aínda que non me estou a queixar, si que é certo que parece que catro anos, aínda que sexan moitos, na política dan para pouco. Pero o balance é moi positivo, polo traballo feito e por ter podido reunirme con moitísimos colectivos de Compostela. E tampouco nego que hai certa frustración, porque as maiorías absolutas teñen o que teñen e votan o que votan. Pero foron máis de 50 propostas lexislativas as que presentei para Santiago en todos os ámbitos, implícaste con certos colectivos, e topar logo co voto negativo do PP ten algo de frustrante.

Entre os logros, de que se sente máis orgullosa?

Os maiores logros teñen que ver coa loita pola igualdade. Presentei unha proposta para incluír lei de violencia de xénero as violencias vicaria e dixital como tipos desa forma de agresión, síntome particularmente orgullosa. E tamén é un orgullo a proposta de xerar unha proposición de lei para garantir a presenza equilibrada de mulleres no órganos de toma de decisións de entes dependentes da Xunta, algo que frustrou o voto negativo do PP, xa non se tomou en consideración, non se debateu. Como digo, a apisonadora do PP foi demasiado potente. Pero conseguimos cousas como a implantación do sistema ADOS na bisbarra.

Como mudou o debate parlamentario co cambio de presidente?

A realidade é que foi bastante constante canto á actitude do PP que comento, tanto con Feijóo como Rueda, que quedou no sitio do primeiro pero non se notou nada. Houbo un continuismo absoluto. Cando se reúnen coa xente ou nos discursos apelan ao sentidiño, pero a realidade é que despois paralizan todo o que propoñemos os grupos da esquerda. Vin, por exemplo, como Borja Verea se reunía coa xente da Plataforma para o Conservatorio de Danza de Compostela amosándose a favor pero chegou á comisión 4ª e votou en contra. Por iso digo que están os discursos e están os compromisos, vino ata o último momento.

Dende o punto de vista da veciñanza compostelá e coa ollada nas eleccións do 18F, que cuestións seguen pendentes?

Hai dúas cuestións fundamentais que son básicas para a cidade: as transferencias pola capitalidade e o Consorcio de Santiago. Este último precisaría uns 10 millóns de euros de orzamento, e solucionaría moitas cousas. Temos claro que Santiago como capital de Galicia soporta unha carga extraordinaria que non soportan outras cidades, e só cos seus propios orzamentos non pode facelo. E ademais isto aparece nunha lei que non se está cumplindo. A Xunta forma parte do Consorcio, toda a administración está fallando, pero o Consorcio substenta a Real Filharmonía, que é competencia da Xunta. Dende o PSdeG temos machacado moito, nestes catro anos, que se precisan arranxos nos centros educativos, que están nunha situación bastante lamentable e iso compételle á Xunta, construír un novo centro de saúde en Conxo... Hai que forzar a dimisión da xerente da área sanitaria de Santiago, díxeno moitas veces, pasamos de ter un hospital que era referencia á situación de agora, soportando unhas urxencias colapsadas. O desinterese da Xunta por Santiago creo que se debe a que non está gobernando, afortunadamente, a cidade.

Se sae das urnas un goberno progresista na Xunta, haberá compromiso do PSdeG coa capital?

Si, por suposto, témolo moi claro e defendemos sempre o municipalismo, a capital de Galicia é indiscutible para nós. O noso compromiso coa cidade está refrendado. No PSdeG sempre foi así cando gobernamos, no bipartido e na época de González Laxe. E estou segura que o cambio está menos complicado que noutros momentos, a xente está vendo como o PP non dá resposta ás súas inquedanzas, en cuestións tan fundamentais como pode ser a Sanidade. Desta vai, teremos un goberno progresista na Xunta que mirará por Santiago, diso estou convencidísima.