No mes de marzo Santiago terá habilitado un aparcamento de 151 prazas na parcela do CiMUS

"É unha cuestión urxente", di a alcaldesa, "unha obra branda" que inclúe abastecemento e saneamento e non supera os 40.000 euros

O Goberno local segue a estudar o convenio da Xunta proposto na última xuntanza entre as administracións

Aspecto habitual del Hospital Clínico de Santiago con todas sus plazas de aparcamiento ocupadas

Aspecto habitual del Hospital Clínico de Santiago con todas sus plazas de aparcamiento ocupadas / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu na mañá do venres para anunciar o comezo das obras para a creación dun aparcamento na parcela do CiMUS, a 150 metros do Hospital Clínico.

Segundo a rexedora cómpren medidas “urxentes” para resolver os problemas de mobilidade na contorna do CHUS, polo que o Goberno local habilitará nesa parcela un aparcamento en superficie que dará unha cobertura de 151 prazas de estacionamento gratuíto que se prevé que estea operativo durante o mes de marzo. 

"Trátase dunha obra branda, que se dotará de abastecemento e saneamento" e non supera os 40.000 euros de custo e que sumado á creación de prazas da zona ORA na contorna do CHUS contribuirá, prevé o goberno, a "promover a rotación no estacionamento e a evitar os vehículos ventosa" (aqueles que premanecen durante días na mesma praza de aparcamento). Desta maneira o Concello de Santiago estaría a habilitar na contorna hospitalaria 287 prazas de estacionamento de vehículos.

En fase de estudo co 'convenio marco' proposto pola Xunta

A alcaldesa asegura que o Executivo local está a estudar o convenio proposto pola consellaría de Infraestruras da Xunta, derivada da reunión entre ambas administracións realizada o pasado 30 de xaneiro. Análise e decisións das que se darán conta nas próximas semanas. A pesar disto, Sanmartín lembrou unha vez máis a necesidade da integración urbanística do CHUS, de que a Xunta dote de transporte colectivo os traballadores do Sergas e de reforzar as conexións do hospital mediante ampliación de liñas de transporte urbano.

A rexedora comprometeuse a estudar a proposta “nas próximas semanas”, aínda que non a ve unha “opción xusta nin equitativa” xa que estes “investimentos son responsabilidade exclusiva do Sergas e reiterou a “vontade total de colaboración, dentro do xusto e razoable, para pechar un acordo”. Sanmartín puntualizou que dito convenio que se propón “é un convenio marco onde logo habería que desenvolver outros de carácter posterior”. 

“Non entendiamos e seguimos sen entender”, aclarou Sanmartín, “a proposta dunha achega de 3,5 millóns de euros para investir en saneamento e abastecemento no rural que establece cuestións moi xerais e que ademais non se concretan”. Por iso o Goberno bipartito insiste en que a “Xunta continúa ligando este convenio do CHUS co abastecemento e saneamento, que son dous temas distintos, e continúan a falar de intervir só na parcela sanitaria sen ter en conta que se trata dun proxecto de interese autonómico”, sentenciou.

Ante preguntas dos xornalistas sobre cal será o futuro desta cuestión se o Concello non se adapta ás condicións formuladas pola Xunta, a alcaldesa Sanmartín asegurou que “estamos a tempo de continuar negociando”. Sobre o convenio o Goberno local considera que estará enriba da mesa a proposta de achegas e cambios nunha cuestión tan importante como é a mobilidade no CHUS. “A porta a un acordo de administracións non está pechada, aínda que a proposta non é satisfactoria” para o executivo municipal.

Mentres non se desbloquea a situación a cidadanía de Compostela e o resto de usuarios do CHUS seguen a agardar unha solución aos problemas de aparcamento, nun momento no que ademais das obras do centro de protonterapia tamén están en marcha, dende o pasado día 16, as obras para a ampliación do propio hospital, nas áreas destinadas a consultas externas e probas funcionais.

O novo enlace do orbital “está en prazo”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pronunciouse este venres en relación coa información publicada por este diario, sobre a “resignación”dos empresarios do Tambre en canto ao retraso das obras do novo enlace do Orbital. A rexedora afirmou que tivo ocasión días atrás de falar co delegado do Goberno, Pedro Blanco, e que éste lle asegurou que as obras “están en prazo dentro da demora” e que a intención é “acelerar as obras para que conclúan o antes posible”. Sanmartín asegurou comprender “a desesperación” dalgúns sectores por infraestruturas polas que se levan anos agardando “e despois sofren demoras”.

O inmoble do Espazo Apego máis cerca da titularidade municipal

O Concello de Santiago está agora máis preto de poder recuperar a titularidade do inmoble que acolle o Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12) xunto a outras dependencias de lingua e de comercio do Concello, grazas a dúas sentenzas xudiciais favorables a Compostela.

Este equipamento, situado no edificio que antigamente acollía os sindicatos, leva máis dunha década en procesos xudiciais. Destas dúas novas sentenzas darase conta na Xunta de Goberno local do vindeiro luns 12. “O Concello estivo a punto de perder este inmoble”, comentaba a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante a súa comparecencia do venres ante a prensa, “aínda non son sentenzas firmes pero marcan unha liña clara xa que rexeitan os recursos interpostos pola sociedade inmobiliaria que adquirira o local”.

As resolucións tómanse en base á “execución por parte dun banco dunha carga hipotecaria que a promotora do edificio non antendeu”. Así pois as sentenzas indican que dita promotora ten a “obriga de entregar o local libre de cargas e inscribilo no rexistro a nome do Concello de Santiago”.

A alcaldesa valorou moi positivamente estas novidades. “É unha moi boa noticia que un equipamento municipal no corazón do Ensanche poida ter continuidade para afianzarse na titularidade municipal”. Por todo iso Sanmartín quixo felicitar os servizos xurídicos do Concello porque “dende que se fixeron cargo deste asunto conseguiron que se vexa a luz ao final do túnel, logo dun longo período no que este tema estivo esquecido e case se daba por perdido, coma se non se puidese chegar a facer nada”, lembrou a rexedora.

Trátase dun edificio que, unha vez deixaron libres os sindicatos e asumiu a súa titularidade o Concello de Santiago, rematou de reformarse en 2006 pero do que non se tomou posesión até 2015, non se lle asignou uso ningún até 2018 e non se abriu ao servizo público até 2020.

Sanmartín insistiu en valorar os servizos xurídicos municipais porque son “exemplo” pola determinación de coller un tema e darlle “continuidade ata conseguir reverter a situación”. Un traballo que “deu froitos positivos porque temos a dotación dunha asesoría xurídica propia e non externalizada, que colabora co resto de departamentos e traballa con dilixencia”.

A alcaldesa insistiu, de todos xeitos, en que esta resolución non é firme e aínda están pendentes outras demandas, máis alá destas dúas interpostas pola mesma promotora.