A aprendizaxe do galego por parte de persoas de fóra, unha realidade

O Concello de Santiago ofrece programas para axudar ao alumnado a comprender e comunicarse mellor nesta lingua // Participa xente de Venezuela, Bos Aires ou Bélxica

Participantes nos obradoiros de acollemento lingüístico do programa Delingua do Concello de Santiago no grupo das mañás

Participantes nos obradoiros de acollemento lingüístico do programa Delingua do Concello de Santiago no grupo das mañás / Jesús Prieto

Achegar a lingua e a cultura galega é o principal obxectivo dos distintos programas que ofrece o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Un deles son os obradoiros de acollemento lingüístico, cursos presenciais para achegarse por primeira vez á lingua e comezar a desenvolver as destrezas básicas de comprensión e produción oral e escrita. Principalmente van dirixidos a persoas que proceden de fóra de Galicia, aínda que tamén están abertos a calquera persoa adulta que queira comezar a aprendizaxe do galego.

O Espazo Apego, ubicado na rúa da República do Salvador, é o lugar onde ten lugar a formación, de hora e media de duración e dous días por semana, en horario de mañá ou de tarde. Dende EL CORREO acercámonos a falar con algún dos alumnos/as para coñecer un pouco máis sobre o programa e as motivacións dos mesmos á hora de aprender o idioma.

Ana Isabel Brito Tejera, natural de Venezuela e de pais canarios, leva cinco anos vivindo en Compostela e recoñece que non tivo moitas oportunidades de practicar o galego. Cando lle informaron dos obradoiros quixo aproveitar a ocasión para “aprender a lingua, coñecer as costumes galegas, coñecer xente e poder integrarse mellor”, sinala.

O ano pasado fixo o curso de iniciación e satisfeita dos resultados e da maneira do profesor Tono de impartir as sesións, tomou a decisión de continuar co obradoiro no turno de mañá. “Non só é aprender o galego, el falache da cultura e historia da lingua, axúdanos a integrarnos entre nós e respeta as nosas diferenzas”, di.

Anabel, nome polo que lle gusta que a chamen, recoñece que antes de comezar cos obradoiros non falaba nada en galego, a pesar de que o seu home é fillo de galega e cando residía en Venezuela tiña veciños aos que lle escoitaba falalo. Dende que vai ao Espazo Apego asegura que trata pola súa conta de ler e afondar na lingua, a pesar de que atopa dificultades para facelo. “Practícoo cunha avoa e cos compañeiros antes de comezar estas clases. Ademais, cando vou a algún organismo oficial que se comunica en galego intento responder en galego”, asegura.

Nestes obradoiros len historias ou artigos, escoitan vídeos, fan dinámicas ou exercicios cos compañeiros como recetas de cociña, diálogos coas estruturas que o profesor lles ensina, exercicios de gramática, etc. A maiores, con certa periocidade celébranse saídas pola cidade. Anabel e os seus compañeiros terán a oportunidade de acercarse á praza de Abastos, o parque de bombeiros e a biblioteca Ánxel Casal, co fin de “falar noutras contornas”.

Unha das súas compañeiras é Nataly Ramírez Valbuena, nacida en Bélxica e de pais españois, quen xa se adentrou no curso de continuación por tema de horarios. A primeira vez que chegou a Santiago foi facendo o Camiño no ano 2014. Estivo un par de anos en Granada como profesora de francés e outros en Pontevedra como auxiliar de conversa na Escola Oficial de Idiomas. O ano pasado retornou a Santiago para facer un mestrado en Estudos da Literatura na USC, o cal cursou en galego. “Pouco a pouco fun entendéndoo pero hoxe en día resúltame complexo falalo”, asegura. Con motivo de que xa entendía a lingua e por tema de horarios xa non pasou polo curso de iniciación.

O que máis valora dos obradoiros é a unión que se crea nos mesmos, xa que “temos un grupo de whatsapp no que se nos informa de moitas actividades culturais que hai na cidade e que podemos facer xuntos ou sós”. Manifesta, ademais, que é moi imporante para unha persoa de fóra estar con xente doutros países “porque sentimos o mesmo, como pode ser a soidade ao non ter con nós a familia e amigos de sempre”. Aos integrantes do seu grupo de aula defíneos como “cariñosos” e “unha gran familia”. 

En case dous meses dende o inicio dos obradoiros, Nataly percibe un avance á hora de desenvolverse falando en galego. “Cando cheguei aquí non me atrevía a falar nin dúas palabras”, recoñece. Agora, “intento saudar e pedir cousas en galego e cos meus amigos de Santiago tamén o intento practicar”, afirma.

Outro dos programas incluídos no programa Departamento de Lingua Galega (Delingua) é o “Elos: parellas lingüísticas”, que vai un paso máis alá, sendo unha iniciativa que facilita o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que queiran colaborar con elas. O funcionamento básase no compromiso de conversar en galego, cando menos, unha hora á semana, con encontros virtuais ou presenciais.

Sebastián Bouzas, de Bos Aires, chegou no ano 2017 a Santiago cun programa de becas da Xunta de Galicia para facer un mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación da Universidade de Santiago. Tras anos en busca de traballo e viaxando a países como Noruega e Polonia, Sebastián leva catro anos traballando en CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia).

Cando comezou o mestrado recorda que a pesar de entender o galego, tiña dificultades á hora de falalo. “Sempre recordarei a palabra orzamento, que non ten nada que ver coa tradución ao español de presupuesto”,asegura. Polo tanto, tomou a decisión de buscar algunha alternativa para aprender o idioma e achegarse á historia e cultura galega. No ano 2021 cursou o obradoiro de acollemento lingüístico ao mesmo tempo que o programa Elos. Pouco tempo despois cursou a proba Celga 1 e no vindeiro mes de novembro confía en sacar adiante o nivel Celga 2.

Con respeto ao programa Elos, Sebastián conta que lle axudou a perder o medo á hora de falar o idioma. As dúas primeiras semanas quedaba co seu compañeiro unha hora á semana nunha cafetería para darse a coñecer. Despois, “pensamos en facer actividades de forma conxunta para ter de que falar e non aburrirnos”. Así, decidiron ir ver películas xuntos ao cine e incluso compartir viaxes. 

Así os encontros convertíronse nunha dinámica. “Trátase de compartir tempo entre dúas persoas, unha acción moi distinta a sentarse nunha aula cun profesor”, comenta.

Sebastián pon en valor que a maxia do programa está en que participa “unha persoa que quere aprender galego e outra que quere compartilo e axudar”.