Sábado de Piñata, festa rachada en Conxo co sombreiro como protagonista

O Entroido despídese de Santiago no barrio de Conxo con xantar popular, Xenerais do Ulla, queima do Meco e moita música

Imaxe dunha das edicións do Entroido de Conxo que recupera o valor tradicional dende 2022 / Cedida

Imaxe dunha das edicións do Entroido de Conxo que recupera o valor tradicional dende 2022 / Cedida / Ana Triñáns

A festa, a música, “o ruído” e o colorido que caracterizan o Entroido teñen a súa derradeira cita deste ano o sábado 17 no barrio de Conxo. Un ano máis, e xa van tres edicións, a Coordinadora das Festas Tradicionais do barrio e a comparsa Os Conformistas organizan esta festa o Sábado de Piñata con actividades que se estenden de as 12 da mañá até a noite.

Eva Armental forma parte da organización e O Carro de Conxo e conta como se optou por recuperar as festas tradicionais. Un labor investigador que serviu para que deran cun elemento fundamental no Entroido deste barrio que ata 1925 foi Concello. “Da bibliografía e das fotografías que reunimos, máis alá dos carros engalanados ou dos instrumentos musicais máis populares, coma o sacho, as culleres ou a botella de anís”, conta Eva, “había algo fundamental, os sombreiros de traballo engalanados”.

Por iso este elemento é o que protagoniza os disfraces do sábado. Logo da pandemia da Covid, as administracións eran aínda reticentes á celebración de festas populares. “En 2022 o Concello non quixo celebrar o Martes de Entroido e nós non estabamos de acordo”, lembra Eva. Ese foi o detonante para crear o Entroido de Conxo, aproveitando ademais o último sábado do Carnaval, o de piñata. Elemento que ten un protagonismo particular e destinado aos máis pequenos.

A temática da primeira edición foi o cine, a da segunda foron as artes e este ano a festa céntrase na música, en calquera das súas formas: notas, partituras, instrumentos, músicos... Quen queira participar no concurso tan só ten que achegarse co seu sombreiro engalanada con motivos musicais.

O xurado popular, xente ben coñecida no barrio, será quen outorgue os premios aos grupos, parellas e disfraces individuais máis orixinais. Logo do concurso, como non pode ser doutra maneira, acompañarase o Meco deste ano, cuxa temática é segreda e só coñecida polos artífices, a cativada do barrio, e plantaráselle lume un ano máis.

Dende as 12h. até a noite a festa non para en Conxo, que convida a quen queira achegarse a participar tamén no xantar popular, ben mercando a súa ración nas polbeiras, ben levando a súa comida da casa. Só hai que chamar ao CSC de Conxo para reservar mesa. E por suposto levar toda a enerxía e a gana de troula que caracteriza unha festa coma o Entroido, que se despide por este ano cun karaoke que de seguro axudará a sobrelevar o loito polo sacrificio do Meco.

Programa de festexos do sábado 17 de febreiro

  • 12 horas: Vivas dos Xenerais da Ulla e desfile da comparsa Os Conformistas de Conxo e O Carro de Conxo.
  • 13 horas: Sesión vermú no campo da festa con Brassica Rapa e Atraque dos Xenerais na praza do Cruceiro Vello.
  • 15 horas: Xantar popular, cómpre reservar praza.
  • 16.30 horas: Atraque das Xeneraliñas da Semente.
  • 17 horas: Concurso de orellas e filloas (previa inscrición para todos os públicos) e xogo da piñata para a rapazada de 5 a 11 anos. E SEC Gala con desfile de disfraces de sombreiros.
  • 19 horas: Foliada de Entroido de música tradicional coa Asociación de Música Tradicional de Conxo e os Valentes. Pode sumarse toda aquela persoa que leve o seu instrumento.
  • 20 horas: Queima do Meco.

*Durante a xornada pode visitarse a exposición sobre o Entroido de Conxo e retratarse no photocall con fondo dun grafite de Osiris Rey.

**Logo da Queima do Meco, "como en Conxo hai moito cantareiro e moita cantareira", karaoke!!