Arde o Meco pero o Entroido compostelán aínda non se despide de todo

O Concello de Santiago comeza a despedir o Carnaval logo dunha programación que deu inicio o sábado 10 e que o mércores de cinza comezou a dicir adeus coa queima do cocho das ‘Boliñas veñen e van’

A Praza Roxa acolleu onte a tradicional Queima do Meco

A Praza Roxa acolleu onte a tradicional Queima do Meco / Antonio Hernández

Unha marea negra asolagou este mércores Compostela dende o Toural á praza Roxa. Tratábase da comitiva que acompañou o Meco no seu desfile final, até o ano que vén, un ‘marrán dos pélets’ cuxo epitafio foi “Boliñas veñen e van” para reflectir a intención do seu creador, Xosé Luís Méndez. “A ver se queimándoo non se volven repetir estas cousas”, dixo o artista cando presentou o Meco deste ano en relación coa vertedura destes plásticos nas costas galegas producida o pasado mes de decembro.

De rigoroso loito foron todas as compostelás e composteláns que quixeron darlle o último adeus e integrar a comitiva fúnebre que saíu do Toural. Pois foi alí, concretamente no Pazo de Bendaña, onde o pasado sábado daba inicio o Entroido 2024 con instalación da ‘capela ardente’ do Meco e a lectura do pregón por parte de De Vacas

A procesión de dó pola fin do Carnaval percorreu as rúas Nova, do Vilar, da Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador ata a praza Roxa, onde o Meco foi incinerado, non na intimidade familiar, senón ante a toda a veciñanza que o acompañou. Unha comitiva da que tamén formaron parte os edís da Corporación local e a alcaldesa Goretti Sanmartín e que foi animada polas comparsas Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas, tamén desta última parroquia santiaguesa.

A alcaldesa Goretti Sanmartín (no centro da imaxe), chora durante a Queima do Meco

A alcaldesa Goretti Sanmartín (no centro da imaxe), chora durante a Queima do Meco / Antonio Hernández

A queima do Meco marca a fin da programación local para o Entroido, que fixo coincidir as celebracións máis importantes co parón escolar e por iso se desenvolveu entre os días 10 e 14. Pero que segue este xoves con obradoiros de Entroido: Chapeus de Xeneraliñas da Ulla no CSC de Santa Marta, entre a 17.30e as 18.30 horas; e Obradoiro de Coplas de Entroido no CSC de Vite de 18 a 19h.

En Conxo a festa non para

Pero o Carnaval non remata por completo, podemos enxugar as bágoas polo pasamento do Meco porque aínda queda a festa de Entroido de Conxo, organizada pola Coordinadora das Festas Tradicioanis de Conxo e a comparsa Os Conformistas, da mesma parroquia. 

A festa vai ser o sábado 17 cunha morea de actividades que van alongar a celebración dende as 12 da mañá, con vivas e ‘atranques’ dos Xenerais da Ulla, até ás 20 horas coa queima do seu propio Meco. Difícil atopar unha mellor alternativa á xornada de reflexión que achegarse ao barrio a desfrutar da música, do xantar popular na praza do Centro sociocultural, de orellas e de filloas ou da foliada que terá lugar antes xusto de despedir ao Meco. 

Obradoiros, xenerais e foliada

A actividade carnavalesca continúa nos Centros Socioculturais (CSC) con obradoiros para os máis cativos (de 5 a 11 anos). 

O xoves 15 de febreiro no CSC de Santa Marta, de 17.30 a 18.30 horas, poderase participar no taller de chapeus de xeneraliñas da Ulla; e entre as 18 e as 19 horas, en Vite aprenderanse coplas propias do Entroido.

As ‘Xeneraliñas da Semente’ desfilaran o sábado 17 dende Santa Clara, ás 12 horas, á praza de Cervantes, onde escenificarán Vivas e Atranques.

O CSC do Romaño acolle tamén o sábado ‘Unha comedia de Entroido’, ás 18 horas, teatro improvisado da compañía Unha Comedia Imprevista.

E tamén o sábado 17, de 18 a 19.30h., Brincadeira homenaxeará os ‘Entroidos rurais de Compostela’ cun desfile que se desenvolverá entre a rúa do Home Santo á praza do Toural.