Rosalía de Castro, símbolo dunha Galicia transgresora, feminista e defensora da cultura galega
Compostela reivindica no 187 aniversario do seu nacemento a figura da escritora santiaguesa e o seu compromiso co galego
Santiago volcouse este venres na celebración do 187 aniversario do nacemento na cidade dunha muller transgresora, feminista e comprometida coa súa lingua e a súa cultura, unha Rosalía de Castro hoxe convertida en auténtico símbolo e referente de Galicia no mundo.
Nunha intensa xornada de homenaxe que comezou na Praza de Vigo, lugar onde naceu a escritora, o presidente da fundación que leva o seu nome, Anxo Angueira, destacou que “con Rosalía naceu un proxecto de dignidade para as linguas, para a cultura, para o pobo e para as mulleres de Galicia e do mundo”.
Desde a asociación Raigame, Xosé Manuel Durán reivindicou a necesidade de dignificar o lugar onde naceu quen “foi a voz dos humildes, a voz dos desamparados”.
Sol Agra, responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, falou desa Rosalía “costumista, sentimental e melancólica” que debuxaban na ensinanza e que con importantes investigacións sobre a súa figura descubriron logo unha “escritora que falou das mulleres, da violencia machista, das enfermidades mentais, da opresión, do maltrato e da explotación aos traballadores do campo galego”, sen esquecer que “ergueu a bandeira da dignidade e do orgullo de ser galega”.
O alcalde de Padrón, Anxo Rei, invitou a desfrutar da poeta e, dirixíndose aos rapaces do Quiroga Palacios e o Cluny que recitaron uns versos da escritora, aseguroulles que segundo “vaiades madurando, iredes vendo nela un faro que os pode guiar, moi especialmente ás rapazas como símbolo feminista”.
Caldo de gloria, ofrenda floral, moita música e máis poesía para celebrar o Día de Rosalía na capital galega
Para a rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, o 23-F “é o día de celebración dunha muller especial, rebelde, transgresora, con conciencia ecoloxista, feminista e que reivindicou a nosa lingua e a nosa cultura; unha muller alegre e feliz, que quería intervir no mundo cultural”.
Ademais de animar á cidadanía a participar nas múltiples actividades programadas para este venres e sábado en Compostela, insistiu en que “Rosalía era moi consciente de que era unha transgresora ao comezar a escribir en galego, con aquela forza”, e reivindicou as súas reflexións sobre a capacidade das mulleres para facer todo o que se propuxeran.
O acto da Praza de Vigo, no que tamén estiveron o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como diferentes membros da corporación compostelá, rematou coa intervención do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, quen se referiu a Rosalía como “un icono, un símbolo do feminismo, da loita pola igualdade, de valentía, das letras galegas e da nosa cultura”, e invitou a engrandecer “esa marca Galicia que supón en todo o mundo”.
O grupo Carapaus encargouse da música nunha cita na que os rapaces Noé García e Carolina Martínez destacaron o papel inspirador de Rosalía en defensa do galego.
Tras depositar un ramo de flores na pía da Capela Real na que foi bautizada o 24 de febreiro de 1837, Anxo Angueira foi dando paso aos representantes de diferentes institucións e asociacións culturais, que recitaron fragmentos da súa obra.
Entre os intervintes, ademais dos alcaldes de Santiago e Padrón, o director xeral de Cultura en funcións, Anxo M. Lorenzo, e a deputada de Igualdade, participaron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e os representante da Fundación Pondal e Uxío Novoneyra, Xosé Ameixeiras e Uxío Novo, respectivamente.
Canda eles, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen lembrou a recente inauguración da Biblioteca Rosalía no Instituto Cervantes de Curitiba.
O acto, no que actuaron Carapaus, Faia, Estela Pereira e Lucas Lugo, pechouse cun caldo de Gloria.
Pola tarde, e ademais das actividades de Mazarelos, a Banda Municipal de Música de Santiago sumouse á homenaxe cun concerto no Auditorio co Coro Cardenal Quiroga e a Asociación Amigos da Ópera da cidade compostelá.
Mazarelos, centro neurálxico da homenaxe
A Praza de Mazarelos, centro neurálxico da homenaxe desta fin de semana en Compostela, acolle desde onte pola tarde a VI edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago. Baixo o lema Un grande atrevemento, conxúganse poesía, escena, música, artesanía e narración oral.
O certame comezou coa inauguración por parte da alcaldesa e a apertura da feira de produtos con marca Rosalía. A Trastenda dos contos ofreceu a sesión de contacontos infantil Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, dando paso ao espectáculo escénico Dúo vaguedades, no que Isabel Risco e Fran Rei representaron a Rosalía e Eduardo Pondal. A cantante Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a recitadora Nuria Vil pecharon a xornada coa posta en escena de Indóciles, centrado na obra de Luísa Villalta, a quen esta ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras.
O programa continúa hoxe ás 12.00 horas en Mazarelos co espectáculo Ópera Break’s, ao que lle segue a sesión vermú, a cargo de Luís Vallecillo, que ofrecerá Cantamos con... Rosalía de Catro!.
Os Quinquilláns protagonizarán ás 16.30 horas un pasarrúas teatralizado pola cidade, e ás 17.00 horas terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseada en Rosalía e os seus Cantares gallegos.
Ademais, haberá un Quiz Rosaliano e presentarase o libro Intenso e solidario feminismo, de Pilar García Negro, e ás 20.00 horas, Chan de Pólvora Editora reunirá nun recital as voces de Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e Nuria Vil. Loita Amada pechará o festival ás 21.15 horas, cun concerto no que presentará Rematou o simulacro.
Temas
Más en Santiago
-
La Xunta amplía desde este lunes las rutas de autobús entre Vigo y el aeropuerto de Santiago
-
Día de los Museos en Santiago: música, talleres y visitas guiadas gratuitas
-
Miqui Otero: “En esta novela que presento en Santiago, la narradora es la música”
-
Os alumnos do IES Xelmírez deixarán a “súa marca” grazas aos seus dous podcast premiados