O PSOE de Santiago estima que en dez anos estarán xubilados o 40% dos empregados públicos municipais

Instan ao Goberno compostelán a presentar en 7 meses o Plan Estratéxico de Recursos Humanos 2025-35

Destacan a importancia de abordar o relevo xeracional nos traballadores do Concello

Avogan por axilizar o acceso ao emprego municipal publicando as prazas no ano natural da convocatoria e executando no prazo de dous anos

A edil socialista Marta Abal durante a rolda de prensa no Pazo de Raxoi

A edil socialista Marta Abal durante a rolda de prensa no Pazo de Raxoi / CEDIDA

A exconcelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, presentou na mañá deste mércores a moción que o Grupo municipal socialista vai levar ao Pleno do día 29 en relación cos empregados públicos municipais. O PSdeG insta ao Goberno local a presentar en 7 meses o Plan Estratéxico de Recursos Humanos 2025-35, unha forma de "estar preparados" ante a eliminación da taxa de reposición promovida polo ministro de Transformación Dixital, José Luis Escrivá.

Marta Abal indicou que se trata "dunha oportunidade histórica" para Santiago de Compostela, vencellada tamén ao avance na modernización da administración. A edil socialista avanzou a xubilación este ano dunha vintena de persoas do cadro municipal, polo que dende o PSOE estiman que na década 2025-35 estará xubilado un 40% do total actual, polo que cómpre "aproveitar a eliminación da taxa de reposición para garantir o relevo xeracional".

A edil socialista detallou tamén que dende a imposición da taxa, en 2012, á falla de funcionarios públicos engadíuselle o aumento da prestación de servizos municipais, "como os comedores escolares ou Servizo de Axuda no Fogar". "Precisamos un Concello forte, áxil, eficaz, eficiente, preto da cidadanía, transparente e que non só resolva de xeito inmediato os problemas que se presenten senón que saiba anticiparse a eles".

Marta Abal fixo fincapé en que o Concello debe propor un modelo "de previsión e de proxección de que postos necesitamos e onde os necesitamos". Así, sinalou ter puntos nos que poñer o foco. En primeiro lugar axilizar o acceso ao emprego público, "publicando as prazas no ano natural da convocatoria e executando o proceso nun prazo de dous anos". A edil socialista tamén se referiu á "avaliación da carreira profesional", que deberá ter en conta "o desemprego de cada profesional e a calidade dos servizos públicos que se ofrecen".

O emprego das novas tecnoloxías tamén ten protagonismo para o PSOE á hora de deseñar o Plan Estratéxico de Recursos Humanos de Santiago, xa que hai "determinadas tarefas repetitivas que poden ser identificadas e substituídas por estas outras tecnoloxías".