Afundimento do terreo na Choupana: o PP esixe respostas

Recrimina ao goberno de Sanmartín que un mes despois continúe sen arranxarse tendo en conta que non é a primera vez que sucede

Mal estado da calzada no barrio compostelán da Choupana

Mal estado da calzada no barrio compostelán da Choupana / Antonio Hernández

O afundimento da calzada no barrio da Choupana ao paso dun camión do servizo de limpeza de Urbaser o pasado 23 de xaneiro, que polo de agora non se arranxou, fai que o PP de Santiago recrimine a “pasividade” do goberno nacionalista. O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, visitou este venres a rúa Eira da Palleira, na Choupana, e falou cos veciños máis próximos ao lugar. De la Fuente destacou a falta de interese por parte do Goberno nacionalista e amosou a súa preocupación por que este feito poida repetirse, “xa que os servizos municipais non analizaron as verdadeiras causas deste sorprendente suceso, e se limitaron a poñer un parche”.

O popular subliñou que, neste mesmo lugar, a pasada primavera ocorreu un suceso idéntico. Tres automóbiles que estaban estacionados quedaron atrapados polo afundimento súbito do terreo e “o parche co formigón botado no lugar aínda é visible ao carón mesmo do camión de Urbaser que quedou atrapado agora”, destacou. De la Fuente reitorou que é responsabilidade do Concello descubrir as causas de que o terreo ceda e se colapse o firme.

O popular aclarou que “son os propios veciños” os que denuncian como posibles causas a existencia dun pozo na contorna en mal selado, e as frecuentes inundacións que se suceden no cruce entre a rúa Eira da Palleira e a Avenida de Bilbao e que están a asolagar recorrentemente ás vivendas máis próximas.

De la Fuente engadiu que “a veciñanza non ten por que sufrir unha deficiente planificación urbanística e a desidia administrativa do goberno nacionalista, que ante as denuncias dos veciños da existencia dunha fosa séptica antiga mal selada non fixo absolutamente nada”.