O PP de Santiago denuncia falta de xabón e papel hixiénico nos centros escolares

Alertan de que esta situación se produce dende o 1 de abril

O Concello asume o subministro porque xa non o ofrecerá a concesionaria

O edil do Partido Popular Borja Rubio no Pazo de Raxoi

O edil do Partido Popular Borja Rubio no Pazo de Raxoi / CEDIDA

O edil Borja Rubio, do PP local, alertaba na mañá do xoves da situación dos centros escolares da cidade, afirmando que dende o 1 de abril non se lles estaban a subministrar xabón nin papel hixiénico. Rubio lembrou que xa “advertín dos riscos de ter en precario os servizos de limpeza e conserxaría dos colexios por falta de licitación”.

O PP afirma que os centros precisan “uns servizos públicos que melloren a vida da comunidade educativa”, sen embargo, “seguimos vendo a ineficacia do BNG, que non está á altura”. Rubio exixiu ao goberno unha resposta “á altura da cidade que goberna”, e esta resposta non se fixo agardar.

Unhas horas despois, o Goberno local comunicaba que ía “asumir o subministro de xabón e papel hixiénico” dos centros de infantil e primaria nos que presta servizo de limpeza e informou que empresa xa non o ofrecerá “por tratarse dunha mellora no contrato que xa non se vai prestar por levaren en precario sete anos”.

Raxoi comprometeuse a licitar este ano o novo contrato de conserxaría e limpeza e afeoulle ao PP de que a súa alerta era “falsa e innecesaria” . Ante isto, o Partido Popular quixo engadir, na voz de Borja Rubio que non lle sorprendía a resposta do Goberno local, "é habitual nestes meses de goberno, nós denunciamos unha situación e é cando responden".

Rubio, que insistiu en que os colexios agardaban resposta de Raxoi "dende o día 2", tiveron que esperar a esta denuncia, para que "o goberno fixera o seu traballo, que é o que tiña que facer dende o primeiro momento".