Entrevista | Evaristo Calvo Actor, integrante de P.T. Excéntricas e do dúo cómico Mofa e Befa

“Non vemos a maneira de facer humor sen rir dunha desgraza”

Evaristo Calvo estrea este mércores, ás 21.00 horas, novo espectáculo no Café Camalea (praza de San Martiño, 4).

O actor Evaristo Calvo prepara tamén un espectáculo unipersoal sobre ‘Ricardo III’

O actor Evaristo Calvo prepara tamén un espectáculo unipersoal sobre ‘Ricardo III’ / Jesús Prieto

Polo módico prezo de 6 euros, as persoas que asistan este mércores ás 21 horas ao Café Camalea a A ver que pasa poderán viaxar da man do intéprete Evaristo Calvo polas súas variadas teimas, dende a defensa de que isto non é un monólogo aínda que tampouco hai diálogo até as reticencias da industria editorial á hora de publicar poemarios inconclusos. O humor, máis alá do propio show, impregna tamén as liñas desta entrevista que Calvo concedeu a EL CORREO GALLEGO.  

En que vai consistir A ver que pasa, este novo espectáculo que estrea no Café Camalea?

Pois vai consistir nun acto que é moi frecuente, no que unha persoa fala con outras moitas... E todo o que fai practicamente é falar, porque tampouco o espazo se dá como para facer moitas máis cousas, nin ao intérprete lle apetece, pensa que coa palabra é suficiente. A ver que pasa pretende ser unha charla distendida arredor de, sobre todo, cousas que afectan ao intérprete, como son as súas teimas, a súa autoestima, etc. É algo, por outra parte, habitual neste xénero de espectáculos onde a mecánica que se opera normalmente é que o intérprete bota merda enriba de si mesmo para facer rir a outros. Amosarei as miñas impugnacións a chamarlle a isto monólogo, darei exemplos do que realmente é un monólogo, co cal haberá momentos de certa altura... non quero dicir de moita, preténdese acadar un certo nivel intelectual, preténdese, non é que se faga. E tamén prefiro non chamarlle espectáculo, prefiro chamarlle show, porque un nome inglés é un poquiño máis comercial, á parte de máis fiable, porque se vas ver un espectáculo, pódeste aburrir, pero se vas ver un show, sabes que te vas divertir.

Imaxe de ‘A ver que pasa’

Imaxe de ‘A ver que pasa’ / CEDIDA

No cartel aparece cunha obra -Humor- de Terry Eagleton, teñen algún papel no show?

Non, Terry Eagleton non ten papel no show, só o ten... no cartel. Lucín un libro de Terry Eagleton antes de saber que era doutor honoris causa, compreino hai tempo, non sei moi ben por que, porque normalmente non son consciente da razón que motiva os meus actos, fágoos, e comprei o libro e despois pareceume ben sacalo na portada, que me podía dar un punto intelectual, analítico e todo iso... Unha das cousas máis ridículas que hai neste mundo é a gravidade, por iso me pareceu ben facer un cartel pousando cun libro dun prestixioso intelectual, con actitude grave, con gafas vermellas, na Biblioteca de Galicia, e non sei... se máis tivera máis poñía.

Pero humor haberá...

Neste show o humor non é un recurso senón que é unha teima máis cun sentimento forte de culpabilidade, de certa responsabilidade, porque non vemos a maneira de facer humor sen rirnos dunha desgraza, ou en moitos casos rimos de cousas que no fondo non teñen graza. O humor moitas veces non ten resposta nunha gargallada, a risa ás veces non corresponde a unha situación cómica. Unha das veces que máis rin na miña vida foi cando me estaba a torturar un dentista, e non tiña chiste, salvo que era un 24 de decembro. 

Abunde nas teimas que percorren A ver que pasa...

Está a teima de non chamarlle monólogo e están as teimas de carácter literario, do difícil que é a publicación de poemarios inconclusos no panorama editorial galego, e supoño que tamén universal, hai que escribir se queres publicar. Tentaremos dar unha volta tanto pola non obra poética coma pola non obra narrativa de Evaristo Calvo. 

Unha teima polos proxectos inconclusos...

Creo que podemos dicir que están cronificados na súa inconclusión. E non digo máis.

E por que non monólogo?

Aparentemente é un monólogo, pero para min sempre foi outra cousa, un xénero tetatral específico no que un individuo fala só, e eu non falarei só, falarei coa público, estableceremos unha especie de diálogo, dígoo por ser amable, porque realmente non o hai, falo todo eu. Entender deste modo o monólogo débese a que son unha persoa maior, é posible que sexa o máis maior dos que esteamos no Camalea. Isto é algo que me sucede conforme pasa o tempo, outro argumento máis para rebater a aqueles que din que o tempo non existe: eu antes ía a un sitio e non era o máis maior, agora vou a un sitio e sono, daquela que pasou? O tempo. Entón para que andamos a negar cousas que son verdade? Non o entendo. En que estabamos? 

O monólogo.

Isto sería stand up comedy, o público prefire os nomes en inglés, igual que show.

Haberá máis autores á parte de Evaristo Calvo?

Procuro non revelar as miñas fontes de inspiración, para que ninguén poida poñer en cuestión se estou ou non estou inspirado.

Como ten pensada a xira de A ver que pasa?

Procurarei non ir a máis dun lugar por vila, pero este é un espectáculo moi especulativo, polo que sempre hai a posibilidade de repetir cunha segunda función... Agora vén a estrea e non sei onde vai ir parar todo isto... Pode ser un espectáculo de hora e media ou de tres... pero vou ter consideración coa xente, coido que non quererá ser maleducada e levantarse na metade do espectáculo... vou procurar que o final do espectáculo sexa un pouco antes de que remate o horario de transporte público desta magnífica cidade.

En que outros proxectos está a traballar agora?

Estou no medio dun transtorno obsesivo-compulsivo con Ricardo III, de William Shakespeare, e isto lévame a facer cousas moi estranas, mesmo a botar algunha bágoa pensando no malpocado de Ricardo, despois de perder un fillo e a muller indo á batalla de Bosworth, que é algo que non quixeramos ver ningún de nós. A estrea está prevista para febreiro de 2025, unha coprodución entre o CDG e P.T. Excéntricas, un proxecto unipersoal, onde se pretende que apareza a figura histórica de Ricardo Plantagenet contraposta á figura mítica, construída e difundida por Shakespeare, sobre todo, e baseada en crónicas históricas coma a de Tomás Moro. Pretende ser un espectáculo pro-ricardiano, situar a súa figura histórica non coma o paradigma da monstrosidade e da maldade humanas, senón coma un rei máis, un ser de carne e óso que tamén fixo cousas boas. Haberá no espectáculo unha tensión, unha disputa permanente entre Ricardo III como personaxe e o seu intérprete. Unha especie de exercicio metateatral.