Un equipo da Universidade de Santiago gaña o concurso de programación AdaByron Galicia 2024

Os composteláns representarán a Galicia no concurso nacional de xullo na Complutense xunto a outros dous grupos da Universidade da Coruña

Pablo Díaz e Pablo Landrove gañaron con Xiana Carrera o AdaByron

Pablo Díaz e Pablo Landrove gañaron con Xiana Carrera o AdaByron

Redacción

O equipo da Universidade de Santiago formado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso foi o gañador xeral do premio de programación universitaria AdaByron Galicia 2024, celebrado o pasado venres nos tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan grados en Enxeñaría Informática.

Nunha cita na que participaron 24 equipos entre as tres sedes, e que durante catro horas enfrontáronse a once problemas de diversa dificultade, os representantes da USC resolveron nove dos once.

Canda eles, tamén obtiveron premio o equipo da Universidade da Coruña formado por Hugo Herrador Segade, Lucía Hevia González e Iago Rivas Moar, na categoría para alumnado de primeiro curso, e tamén da UDC o equipo formado por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez, este na categoría de alumnado de segundo curso. 

Os tres esquipos representarán a Galicia na décima edición do Concurso Nacional de xullo na Complutense.

Os responsables do concurso AdaByron Galicia 2024, a vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Susana Ladra, e o profesor da UDC, Diego Seco, destacaron o gran nivel dos equipos participantes e, en especial, dos equipos gañadores que contaron cunha equilibrada participación de rapazas e rapaces.

Na sede de Ourense da Universidade de Vigo o equipo gañador estivo formado por Lucas Canle de Andrés, Sergio González Rodríguez e Santiago Rodríguez Romero.

Respaldo do sector tecnolóxico

O certame, organizado polo CPEIG, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as tres universidades galegas, estivo patrocinado por máis dunha ducia de empresas tecnolóxicas: Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL, GDI, Mindata, Minsailt, NTTData, Oracle, Sixtema e Veritas.

AdaByron é un concurso que nace na Universidad de Madrid e que desde 2022 está aberto a outras comunidades. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando a súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, creatividade, innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.

O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica