A oposición compostelá acusa ao BNG de "segredismo" e "irresponsabilidade" na xestión da Operación Peleteiro

Borja Verea (PP) denuncia que o Goberno local "leva meses negociando en segredo para que o resultado sexa este fiasco"

As edís socialistas Mila Castro e Mercedes Rosón tachan de "cínico" o voto en contra de CA no mandato de Sánchez Bugallo e afirman que non respondeu a intereses xerais senón electoralistas

Os socialistas tachán de "cínica" a postura de CA sobre a parcela Peleteiro durante o mandato de Bugallo

Os socialistas tachán de "cínica" a postura de CA sobre a parcela Peleteiro durante o mandato de Bugallo / Jesús Prieto

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, pronunciouse sobre as declaracións do pasado luns realizadas pola alcadesa Goretti Sanmartín e o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, ao respecto das negociacións coa Sareb sobre a parcela de Peleteiro. Verea referiuse en todo momento a "negociacións en segredo" e tachou as explicacións do BNG de "tomadura de pelo". Para Verea, a xestión da parcela Peleteiro é “un novo exemplo dun BNG desnortado e afogado no caos”. “Parece inconcibible que digan que levan meses negociando en segredo, para que o resultado sexa este fiasco: corenta pisos de luxo e novos hoteis”, sinalou.

O líder popular insistiu en saber “que negociaron? Falaron polo menos co seus socios do PSOE desas negociacións? Son conscientes de que teñen 6 concelleiros?”. Así, lamentou que esta sexa a maneira do BNG de entender a política no século XXI, “negociar en segredo e, cando fracasa a negociación, botarlle a culpa a outros”.

Verea referiuse á política de urbanismo do BNG como “o camarote dos irmáns Marx: venden solo público a construtoras, pero piden vivenda social; prometen legalizar as vivendas de uso turístico noutra quenda de negociacións segredas desas que lles gustan tanto, pero despois, publicamente, non se atreven a facelo”. Así o 'popular' considerou esta actuación un exemplo máis de falla de criterio e rigor á hora de xestionar a nosa cidade, “Santiago merece un executivo que se tome o seu traballo en serio e que non goberne só a golpe de titular dando banzados”, algo ao que tamén se fai referencia dende a bancada socialista en Raxoi.

Neste senso, sinalou o tamén deputado autonómico, “resulta chamativo que o BNG rexeitase a proposta do PSOE no anterior mandato e agora pretender negociar, exactamente, o mesmo en segredo e de maneira unilateral”. “A que está a xogar o BNG?”, preguntouse.

Tamén o mércores, as concelleiras Mercedes Rosón e Mila Castro compareceron en rolda de prensa para dar conta dunha xuntanza mantida coas asociacións Compostela Monumental, Santiago Centro e Proxecto em Rede, da que se extrae a preocupación dos comerciantes en canto ao anuncio do Goberno local de regular os fluxos turísticos e á situación da parcela de Peleteiro, cuxa Comisión mixta se reúne na tarde do próximo xoves 18.

As edís recordaron que a proposta levada a pleno, en febreiro de 2023, polo Goberno de Sánchez Bugallo era "a última oportunidade para dotar o Ensanche dun espazo público que dinamizase a zona". O proxecto socialista, como lembrou nos últimos días Rosón, contemplaba a construción de 150 vivendas das que o 20% serían de prezo taxado.

A Sareb rexeitou todas as propostas locais, segundo informaba o luns a alcaldesa Goretti Sanmartín, e aducía que cando se podía chegar a un acordo o pleno "tumba" as propostas. E tamén nesta liña se pronunciaron Rosón e Castro, lembrando o voto en contra de toda a oposición naquel mes de febreiro, con especial atención a Compostela Aberta (CA).

"Foi unha oposición cínica cuxo voto non atendeu ao interese xeral senón político e electoralista", afirmaba Rosón ao facer referencia a que CA se comprometera a votar a favor e finalmente votou en contra. Neste sentido a edil tamén fixo referencia á Casa da Xuventude, “tamén se comprometeran publicamente a garantirlle un futuro e futuro teno, pero igual de escuro que a praza que proxectaban eles para o Peleteiro”.

Mercedes Rosón preguntouse preguntouse ao respecto da situación actual se a alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo “sabían das intencións da propiedade do Peleteiro desde o mes de setembro”, cando mantiveron unha reunión coa Sareb neste sentido.

Así e todo, as socialistas manifestaron que o PSOE terá unha "participación construtiva" na Comisión mixta do xoves, pero tamén recalcaron que non apoirán ningunha decisión "unilateral", senón que consideran necesario que esta conte co acordo da propiede.

Rosón engadiu tamén que unha decisión unilateral supoñería pasar a un escenario “moito peor” con “outra década máis de parálise da parcela e seguramente os veciños acabarían pagando indemnizacións millonarias á propiedade”.

Compostela Aberta deféndese

Dende as filas de Compostela Aberta respondeuse ás palabras das edís socialistas en relación coa parcela de Peleteiro asegurando que a vontade da formación é "mirar cara ao futuro e afrontar coa maior unidade a situación actual con respecto á operación Peleteiro, facendo forza todos os grupos políticos da Corporación para conseguir o que é un desexo compartido: a modificación dos usos previstos no PXOM para esa parcela". Ademais, deféndense das acusacións socialistas explicando que "en maio de 2022 CA chegou a un principio de acordo co PSOE para desbloquear a situación de Peleteiro", mais dende aquela, os socialistas tardaron nove meses en levar a proposta ao pleno, "nese prazo, confirmouse que o Goberno local non lograra o acordo coa propiedade da parcela e tampouco co tecido veciñal do Ensanche", e ese foi a motivación do voto en contra de CA.  

CA quere manifestar a súa vontade de evitar a construción dun centro comercial no Ensanche e garantir "a construción de vivenda, e máis en concreto, de vivenda protexida", polo que se lle fai "un chamamento ao PSOE para que aposte por unha oposición construtiva, e sume forzas co Goberno local para conseguir que a propiedade recúe e acepte esa modificación dos usos".

Máis alá da disposición ao traballo en común, a formación liderada por María Rozas non deixa de defenderse das acusacións de "cinismo" do PSOE, "lamentamos tamén que a memoria do PSOE se limite ao ano 2023, porque como é sabido a hemeroteca da chamada Operación Peleteiro comeza moito antes". Neste sentido, CA lembra que o PXOM -Plan Xeral de Ordeamento Municipal- vixente "é o que permite uso comercial desmesurado na parcela e foi tramitado sendo Bugallo alcalde, e aprobado definitivamente no ano 2008".

A formación defende que foi o seu goberno o que levou ao pleno no ano 2019 "unha proposta de modificación do PXOM que estaba pactada coa propiedade da parcela, que contaba co visto bo do tecido comercial e veciñal do Ensanche, e que tamén apoiou o BNG". CA lembra que a proposta "non puido ser aprobada pola oposición do PSOE". "Na campaña electoral que había comezar ás poucas semanas dese pleno, Bugallo asegurou que resolvería a situación de Peleteiro cunha solución de consenso nun prazo de tres meses", aseguran, mais engaden que "o primeiro que fixo tras acceder á alcaldía foi encargar un estudo para comprobar cales eran os mellores usos para a parcela, un informe no que se gastaron 18.000 euros e que ditaminou que a mellor proposta de usos era a que CA acordara e levara a pleno no mandato anterior.