Síguenos en redes sociales:

Filosofía celebra os 50 anos da facultade coa ollada no futuro

O reitor da Universidade de Santiago presidiu o acto institucional no que se fixo un repaso por este medio século de vida e abordaronse os retos futuros

Filosofía celebra os 50 anos da facultade coa ollada no futuroSanti Alvite

O reitor Antonio López presidiu este xoves o acto institucional do 50 aniversario da Facultade de Filosofía da USC e dos estudos universitarios específicos de filosofía en Galicia, o que cualificou como “un feito moi importante” na evolución dos estudos filosóficos na comunidade.

O decano da Facultade, Xavier de Donato, sinalou que esta data “é un momento de celebración, porque estamos nun bo momento para a filosofía, bo para a facultade e para a universidade en xeral”, e apostou pola unidade “á hora de celebrar a nosa historia, facer memoria e mirar para o futuro”, potenciando os estudos de filosofía no novo contexto social e abordando os retos dos vindeiros anos pola propia evolución da disciplina e da sociedade.

A conmemoración, no salón de actos do edificio da praza de Mazarelos, contou coa participación dos exdecanos Carlos Baliñas, José Luis Barreiro, Juan Vázquez, Luís García, José Miguel Sagüillo e Marcelino Agís Villaverde, mentres non puido asistir Rafael Martínez Castro.

Todos eles rememoraron momentos senlleiros na vida do centro e achegaron claves dos períodos nos que estiveron á súa fronte e sobre a evolución dos estudos filosóficos en Galicia.

As actividades de conmemoración dos 50 anos do centro comezaron o 8 de febreiro coa conferencia A creación da Facultade de Filosofía da USC do profesor Carlos Baliñas, primeiro decano no período 1975-76 e posteriormente de 1978 a 1981. Baliñas lembrou que “a bonanza económica creada polos plans de desenvolvemento” fixo que na década de 1970 se incrementara en Galicia o número de estudantes e paralelamente “o Réxime concede a creación de novas facultades se hai paz, se se evitan altercados coma os de 1968”.

Neste contexto naceu no ano 1974 a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, cuxa creación promoveu o propio Carlos Baliñas, quen chegara á Universidade de Santiago no ano 1970; o obxectivo que se perseguía era conseguir unha maior especialización dos estudos que fose máis alá dos cursos comúns que se impartían para distintas licenciaturas.

Pulsa para ver más contenido para ti