Entrevista | Coral Pérez Valiño Vicepresidenta 2ª do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia

“Todo o mundo pode ter problemas de solo pelviano, non só as embarazadas”

Pouco se fala del fóra das nais recentes

Ten varias funcións: a continencia urinaria e fecal e a función sexual

Coral Pérez Valiño

Coral Pérez Valiño / Cedida

O solo pelviano é en moitos casos o grande esquecido. Actualmente gañouse a atención das embarazadas grazas ás recomendacions, entre outros profesionais, das matronas, pero pouco se fala del fóra das nais recentes e moito menos se ten en consideración entre a poboación masculina ou a infancia. Non obstante, coidar os ligamentos e músculos situados na base da pelve é vital tanto en homes como mulleres para evitar casos de incontinencia urinaria e/ou fecal, prolapsos, dor pelviano e de espalda e incluso disfuncións sexuais. Coral Pérez, vicepresidenta segunda do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFIGA), explica as consecuencias de non atender un perineo debilitado.

Antes de nada, que é o solo pelviano?

É a musculatura que se atopa na parte baixa da cavidade pelviana e inclúe toda a parte anal e vulvar ata a pube, tanto no caso masculino como feminino. No que atinxe aos homes iría polos xenitais tamén ata chegar á pube e incluiría a parte anal e o recto.

Por que é tan importante coidar esta musculatura?

O perineo forma parte dun conxunto no que se inclúen o abdome, a espalda e o diafragma, e por conseguinte todos eles funcionan de forma harmónica, en sincronía. O solo pelviano é importante porque ten varias funcións básicas: por un lado a continencia tanto urinaria como fecal, e por outro, a función sexual, que non é menos importante. No caso dos nenos a continencia é a principal función e tamén sofren problemas de solo pelviano.

Por que se debilita o perineo no caso dos nenos?

Penso que é un tema bastante educacional. Teríamos que darlle unha volta aos valores que lles transmitimos no que se refire a rutinas de micción e defecación. Creo que é algo do que se fala moi pouco, é un tema moi tabú, e incluso nalgunhas casas recoméndaselle aos pequenos defecar ou facer pis fóra da casa e con isto xeramos problemas dos que non somos moi conscientes. Como consecuencia desenvolven dificultades para a continencia e estrinximento, e todo isto moitas veces está acompañado de dor. Pero o mesmo se pode aplicar aos adultos, onde se ven incrementados os problemas porque se engade a función sexual, e no caso das mulleres a menstruación. Quero recalcar que o estrinximento está moi normalizado e non debería porque pode acabar sendo crónico. Hai xente que di que de neno xa era estrinxido e na adultez un parto pode acabar complicando aínda máis ese problema. Non se pode normalizar, hai que ver a causa e tratar de resolvelo ou melloralo. Dende a fisioterapia podemos aplicar técnicas que axudan pero tamén hai que consultar aos nutricionistas e aos profesionais do deporte.

Entón a incontinencia é un dos principais problemas do debilitamento do solo pelviano...

A incontinencia pode ser debida a moitas cousas. Imos comprando boletos e pode ser que nos acabe tocando. Todo o mundo o asocia ao embarazo pero aparece por moitos factores como pode ser practicar deportes de impacto oude forza. Significa que estes deportes non se poden facer? Non, pero temos que prestar atención para saber como protexer o solo pelviano durante esas actividades que poden ser máis lesivas para o perineo.

A obesidade é un dos factores de risco?

Exactamente. Cantos máis quilos, máis forza ten que facer o solo pelviano para soportar as vísceras. Outro factor de risco é o embarazo, polo peso e as dificultades que poidan xurdir. Tamén afecta a morfoloxía corporal ou padecer enfermidades respiratorias. Por exemplo a xente que tose moito fai unha presión intra abdominal constante e iso vai supoñer que teñamos máis factores de risco para desenvolver unha pataloxía de solo pelviano. Como con todas as pataloxías, vai na individualidade de cada persoa.

Sempre que se fala de solo pelviano a maior parte da xente pensa que só as mulleres deben preocuparse, pero tamén os homes poden ter problemas...

Efectivamente. Moitos practican deportes como o ciclismo e deben saber que no sillín se produce unha compresión das estruturas pelvianas, e tamén hai que protexer o perineo nos deportes de forza. Hai moitos homes con estrinximento cronificado que lles acaba provocando hemorroides e dor. As hemorroides acaban danando o solo pelviano, de feito, unha persoa estreñida é case como se cada vez que vai ao baño tivese un parto. Empuxar lesiona o solo pelviano. Ademais os homes poden ter disfuncións a nivel sexual de diversa índole.

No caso de practicar deporte, que se debe ter en conta?

O que recomendaría neste caso é que si facemos un deporte que inclúa un manexo de peso importante ou un gran impacto se valore o solo pelviano nun centro de fisioterapia especializado. Ademais é vital aprender a contraer o perineo durante esas actividades para protexelo. Se estás facendo unha sentadilla con peso, o monitor que te está vendo corrixe a posición do xeonllo ou da espalda pero non che vai dicir que apretes a barriga e protexas o solo pelviano. Moita xente non ten nin idea de como contraelo.

Durante o parto insístese moito no seu coidado para evitar futuras consecuencias. Que recomendacións lles fai ás embarazads?

Penso que o máis importante durante o embarazo é manterse activa sempre que as recomendación xinecolóxicas o permitan. A actividade deportiva debe ser adaptada a situación e é recomendable que a leven a cabo con profesionais sanitarios. Por outro lado, hai que traballar a elasticidade dos texidos, tanto a nivel de solo pelviano como abdominal e lumbar. Os problemas no embarazo non están só no perineo, senón que hai moitas embarazadas con dor de espalda derivado do cambio corporal que están a sufrir. Eso para min son os dous puntos primordiais: a elasticidade e manterse activa.

E no posparto?

Sempre depende de como sucede o parto. O ideal sería deixar unhas semanas de descanso para que a nai se recupere e o entorno familiar se estabilice. E despois, ás 4 ou 6 semanas, é recomendable valorar como está o perineo. Entre as recomendacións para axudar a fortalecelo están un traballo específico sobre a musculatura do solo pelviano, da parte abdominal e da lumbar, porque todo funciona en sincronía e hai que revisar como están. E sempre o principal obxectivo é reducir a dor se a hai. Logo deben facerse exercicios de respiración e de equilibrio, xa que estos últimos activan moito o solo pelviano.

Hai pouco sacaron unhas curtas de animación informando sobre a importancia da fisioterapia á hora de coidar o conxunto de músculos e ligamentos da pelve. Notan moito descoñecemento?

Si, fixémolas porque parece que temos moi interiorizado a recuperación do solo pelviano no embarazo, pero só o relacionamos con isto. Tamén as fixemos para que se deixe de normalizar o estreñimento, xa que como dixen produce problemas importantes no perineo. E tamén lle adicamos unha curta ao deporte para que a xente se conciencie de que certos exercicios de forza o activan, pero hai que saber como facelo.

E xa para rematar. Cales son os sinais de alarma?

Os escapes de orina ou fecais, urxencia para miccionar ou defecar, dor durante as relacións sexuais, dor na zona pelviana e presenza de hemorroides ou prolapsos. Isto non se pode normalizar e hai que buscar axuda.