Estréase o primeiro documental sobre o Camiño impulsado polo clérigo Branthomme

A cinta foi presentada no Paraninfo de Historia no marco do programa ‘As Leccións Xacobeas Internacionais da USC’

O filme data de 1951 e está narrado por unha voz en off

Os presentadores da cinta acompañados polo codirector das Leccións, Domingo González Lopo (4º esquerda), no Paraninfo de Historia

Os presentadores da cinta acompañados polo codirector das Leccións, Domingo González Lopo (4º esquerda), no Paraninfo de Historia / ECG

Redacción

Finalizaron cunha andaina entre Corcubión e Fisterra as Leccións Xacobeas Internacionais da USC, ás que asistiron medio cento de persoas e unha quincena de relatores. As tres xornadas previas, que se celebraron no Museo das Peregrinacións, xiraron, entre outros temas, arredor da figura de Giorgiana Goddard King. Ela foi unha hispanista norteamericana que, logo de facer varios tramos do Camiño de Santiago, deixou unha guía en tres volumes publicada en 1920 e que xa está sendo traducida ao castelán, ao abeiro dun proxecto de investigación patrocinado pola Cátedra do Camiño de Santiago USC, que é a promotora das Leccións. Ademais dos relatorios, houbo visitas guiadas pola cidade e á Colexiata de Sar, así como a estrea no Paraninfo de Historia do que se considera o primeiro documental sobre o Camiño de Santiago.

O filme data de 1951 e está narrado por unha voz en off en francés e dura uns 45 minutos aproximadamente. O promotor foi o abade francés Henry Branthomme; o guionista, Denys de la Patellière; e o único actor que aparece como tal, René de la Coste. Á presentación do documental asistiron Dénise Péricard-Mèa –presidenta do Instituto de Investigación Xacobea de Tours (Francia)–, Jospeh Torguet –presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Gradignan (Burdeos)– e Jorge Martínez-Cava –presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago–, ao que seguiu un faladoiro.

No documental pode verse todo un recorrido polo Camiño de Santiago, que comeza en Saint Jean Pied-de Port e segue pola ruta que relata o Códice Calixtino. “Estamos ante unha película fundamental na historia do Camiño de Santiago. Todo o fenómeno xacobeo moderno en Europa iníciase en Francia arredor de 1950. Os primeiros peregrinos daquela son intelectuais franceses interesados pola cultura española”, tal como indica Torguet. “Está moi ben montada e contada, cun guión sólido e moi ben feita con poucos medios. Cada imaxe ten forza e vai sempre ao gran, sinalando os contrastes entre as aldeas e as cidades”, indicou Martínez-Cava.

Torguet e Martínez-Cava quixeron resaltar que “nunca” houbo tantos peregrinos como na actualidade, e coincidieron en rexeitar que haxa masificación.

A Federación Española agrupa a 54 asociacións e 8.500 asociados, atende con voluntarios arredor de 120 albergues, e o ano pasado despachou 150.000 credenciais. Entre tanto, a asociación de Gradignan –pequena localidade gala do distrito de Burdeos– posúe 150 voluntarios, xestiona dous albergues que abren todo o ano e pasan uns 500 peregrinos pola vila cada ano. Os dous presidentes coinciden en que as asociacións son imprescindibles: “Nos últimos 35 anos as asociacións fomos decisivas para que haxa tantos peregrinos nas rutas xacobeas. Cumprimos catro misións fundamentais: mantemento, acollida, información e promoción”. Precisamente en outubro celébrase en Santiago un novo congreso mundial do movemento asociativo xacobeo.

Por certo que a proxección da cinta foi privada pero prevese subila a Youtube o antes posible.