O Camiño a Fisterra e Muxía apunta a un novo récord de peregrinos este ano

Na vila do Cristo xa entregaron un 30 % máis de ‘Fisterranas’ ata maio que no mesmo periodo de 2022

No albergue público de Olveiroa superaron as 1.700 pernoctacións

0 75 % dos camiñantes son extranxeiros

Puri Carreira, hospitaleira do albergue público de Olveiroa, no centro, cun grupo de peregrinos / |  ALBERGUE DE OLVEIROA

Puri Carreira, hospitaleira do albergue público de Olveiroa, no centro, cun grupo de peregrinos / | ALBERGUE DE OLVEIROA / JOSÉ M. RAMOS

A prolongación do Camiño de Santiago cara Fisterra e Muxía está a rexistrar unha avalancha de peregrinos que, dende o mes de abril, no fixo máis que medrar e, de manterse a tendencia, podería pecharse o ano con cifras récord, por enriba das de 2019 que, segundo sinalan os que atenden aos camiñantes foi o mellor ano de todos.

Aínda que non existe un rexistro oficial, as estatísticas dos albergues e das oficinas de turismo confirman as boas expectativas. Así, en Fisterra, unha das metas desta prolongación, xunto con Muxía, entregaron ata o pasado 7 de xullo un total de 7.245 Fisterranas, a acreditación que avala que os peregrinos completaron o itinerario xacobeo ata a fin de Terra. Esta cifra é un 30 % superior á rexistrada no mesmo periodo de 2022, malia que este último foi Ano Santo. Destaca tamén o feito de que o 75 % dos camiñantes que chegaron nestes meses eran extranxeiros, sendo maioría os portugueses, italianos e franceses, a nivel europeo; namentres que entre os chegados do outro lado do Atlántico sobresaen os estadounidenses e os canadenses.

Hai que subliñar asemade que, a metade dos asiáticos procedían de Corea do Sur, contabilizándose este ano xa 140 camiñantes, cifra que xa supera a rexistrada en Fisterra en todo o ano pasado, que foron 130. De Oceanía chegaron 100 peregrinos, dos cales 88 eran australianos, e de África tan só 14 camiñantes, segundo os datos facilitados pola Oficina de Turismo de Fisterra.

Cómpre sinalar que a cifra real de peregrinos é moi superior, pois este rexistro só recolle aqueles camiñantes que solicitan a Fisterrana.

Na vila da Barca tamén confirman o importante auxe de peregrinos no que vai de ano. “De manterse a tendencia actual e confirmarse as expectativas, este ano é moi probable que sexa mellor que o de 2019”, afirmou Ángel Castro, hospitaleiro no Albergue Bela Muxía. Destaca como dato anecdótico que este ano “hai moitos peregrinos de Taiwán, nunca chegaran tantos”, ao tempo que entre os europeos tamén sobresaen os procedentes de Alemaña.

Así o constata tamén Puri Carreira, hospitaleira no albergue público de Olveiroa (Dumbría), quen subliña que entre os peregrinos acollidos este ano, “aínda que a presenza de alemáns baixou algo respecto a outros anos, segue sendo moi importante, ao igual que a de chegados de Reino Unido ou Países Baixos”. Por vez primeira acolleu tamén a “un peregrino de Moldova, algo que me chocou moito”, subliña, ao tempo que resalta o incremento progresivo de “coreanos e chineses”, atraídos por “un libro dunha escritora coreana e tamén polas publicacións de Paulo Coelho e a película The way”.

Un grupo de camiñantes por un tramo da ruta en Dumbría / j. m. R.

Un grupo de camiñantes por un tramo da ruta en Dumbría / j. m. R. / JOSÉ M. RAMOS

Nestes primeiros cinco meses superaron as 1.700 pernoctacións, “e estamos tendo unha media de 30 peregrinos cada día”, afirma. Unha cifra que contrasta coas do 2022, que a pesar de ser Ano Xacobeo, “había días nos que tiñamos só 13 ou 14”. No anos 2003 e 2004 chegaron a superar as 7.000 pernoctacións.

O albergue municipal conta con 38 prazas e, se nada se torce, prevén colgar o cartel de completo nos vindeiros meses de verán. Hai que indicar que a oferta do aloxamento público é só unha pequena parte do número de camas para peregrinos que actualmente hai na pequena aldea de Olveiroa, que conta con cinco albergues privados.

En canto ao perfil dos camiñantes, Puri Carreira asegura que “son máis ben tirando a xoves”, e subliña tamén que “hai moito turista-camiñante”. Logo de 22 anos recibindo aos peregrinos en Olveiroa, recoñece que “se perdeu algo a maxia do Camiño que eu coñecín cando empezei”. Daquela, engade, “o público era o único albergue que había na aldea, e eu facíalle sopa, lentellas ou caldo galego e os camiñantes xuntábanse á mesa ou no salón e establecían relacións entre eles. Eramos como unha gran familia”.

Iso agora cambiou. Xa non elabora eses menús que tanto aprezaban os camiñantes para evitar entrar en competencia desleal cos establecimentos privados, “e tampouco se ve esa familiaridade entre os propios peregrinos. Agora velos máis pendientes do móbil, e o que che piden é a clave wifi”.

Máis de dúas décadas recibindo e compartindo momentos cos peregrinos dan para moito e son numerosas as anécdotas que Puri garda na súa memoria. Así, subliña que unha das cousas que máis lles chama a atención aso camiñantes, especialmente aos extranxeiros, “son os hórreos, pois moitos deles non saben o que son e pregúntanme para que serven estas construcións. Algúns mesmo pensaban que eran para enterrar os mortos, xa que ó verlle a cruz asociábanos con construcións funerarias”.

Entre os aspectos que máis valoran quenes percorren esta prolongación do Camiño de Santiago cara Fisterra e Muxía destacan “a paisaxe e a súa cor verde”, subliña a hospitaleira dumbriesa.

LONGO PERCORRIDO

O presidente da Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM) e xerente do Albergue Bela Muxía, Pepe Formoso, asegura que unha das claves do éxito do Camiño á fin da Terra é “a chegada de peregrinos de longo percorrido, a maioría deles extranxeiros, que son quenes manteñen vivo o verdadeiro espírito da peregrinaxe, pois nos últimos anos hai moitos que son turistas que se achegan ao Camiño”.

Así o corroboran tamén os datos dunha enquisa elaborada o pasado ano pola Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, na que se concluíu que a metade dos camiñantes que completaron esta peregrinación eran de longo percorrido, e pasaron unha media de 2,6 días no municipio fisterrán e 1,57 días na vila da Barca. O gasto medio destes camiñantes foi duns 37 euros diarios e estímase que o 20 % deles non solicitou a credencial de ter completado o Camiño.