Como dicirlles aos nenos a verdade sobre os Reis Magos?

Chega un momento na vida no que todo pai se debate entre confirmar as sospeitas ou manter a crenza 

A psicóloga educativa Conxita López indica que entre os 2 e os 7 anos os cativos teñen un pensamento máxico no que entran os personaxes navideños

Melchor, Gaspar e Baltasar viaxan polo deserto

Melchor, Gaspar e Baltasar viaxan polo deserto / PEXELS

Antes de comezar é urxente dicir que esta reportaxe contén spoilers e polo tanto só é apta para que a lean os adultos. Dito esto, e xa coa conciencia máis tranquila, pasamos a desentrañar esta máxica tradición de Nadal da man de Conxita López, profesora e vogal da Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Chega un momento na vida no que toda nai e todo pai se debate entre confirmar as sospeitas dos pequenos ou tirar de imaxinación e devolverlles a fe nos Reis Magos, o Apalpador ou Papá Noel. E este momento aparece, nin máis nin menos, que cando o neno vai cumprindo anos “e no seu desenvolvemento cognitivo e emocional se producen cambios”, sinala Conxita. É aí cando comezan a aplicar o razoamento lóxico e detectan que a vida diaria non encaixa moito con estos personaxes.

Papá Noel xoga cun neno pequeno

Papá Noel xoga cun neno pequeno / PEXELS

Entre os 2 e os 7 anos os nenos teñen un pensamento máxico e partindo del encáixalles perfectamente que existan os Reis, Papá Noel, o Apalpador ou o rato Pérez”, explica a psicóloga educativa. “Si para eles son reais as fadas, os demos ou as princesas Disney... Por que non ían existir estos personaxes de Nadal?”.

“Si para eles son reais as fadas, os demos ou as princesas Disney... Por que non ían existir estos personaxes de Nadal?”.

Esta tradición, prosigue a psicóloga, crea neles unha gran ilusión. “Agardan con nerviosismo as festas de Nadal porque saben que todos estos personaxes van chegar e irán ata a súa propia casa... Así de importantes son!”.

A lóxica

A partir dos 8 ou 9 anos o uso do razoamento lóxico lévaos a cuestionar certas cousas, sinónimo de que están madurando. “Si xa non existen as fadas, os príncipes azuis nin as princesas Disney... como van existir os Reis? É o momento no que comezan a darlle voltas ou no que alguén llo descobre”, indica a psicóloga educativa. Neste punto, a especialista aconsella que os pais tenteen aos pequenos cando comecen a facerlles preguntas porque ás veces non buscan precisamente a verdade.

“Segundo o nivel de madurez do neno xa se ve se é o momento de desvelar o segredo ou de continuar coa crenza”, di. “A min no colexio moitos nenos, cando se achega o Nadal, pregúntanme en segredo si existen os Reis. Unha vez un alumno de 8 anos preguntoume si non existían porque llo acababan de dicir. Eu respondinlle que existían porque eu deixara o zapato no balcón e trouxeranme unha cadela da protectora. Cando chegou á casa díxolles aos pais, moi contento, que Melchor, Gaspar e Baltasar eran reais porque tiñan unha protectora de animais e lle deixaran unha cadela a profe”, conta. “Os pais quedaron moi agradecidos porque o neno aínda estaba no momento de seguir desfrutando desta crenza”.

“Segundo o nivel de madurez do neno xa se ve se é o momento de desvelar o segredo ou de continuar coa crenza”

Pero pode ser que o cativo xa estea perfectamente enterado do que pasa, e polo tanto aí a confirmación é o mellor. “Hai que facelo en privado, nun momento de tranquilidade e preguntarlles con moito tacto que é o que saben”, aconsella. Ademais lembra que a través das respostas xa vemos o grao de madurez do neno e se está preparado ou non para a verdade.

Pode darse o caso tamén de que o neno xa teña máis de 8 ou 10 anos e supostamente siga crendo. Aquí a psicóloga recomenda non chafarlle a ilusión. “Eu esperaría, excepto que a cousa xa sexa preocupante”.

E por certo que no caso de que se lle confirme ao irmán maior, Conxita López aconsella pedirlles que garden o segredo ao pequeno.

Frustración

Cando descobren que son os pais e familiares os que os agasallan poden sentirse enganados. “Neses momentos hai que ser empáticos e explicarlles que agora están nunha nova etapa porque son maiores e lembrarlles o divertido que era e a ilusión que tiñan”, di. “É o momento de continuar a tradición e implicalos nela, por exemplo mercando coa nai o regalo do pai ou escollendo o agasallo do irmán pequeno. Desta maneira convértense en cómplices xunto aos adultos para manter a ilusión dos máis pequenos que aínda cren”.

A resistencia

Pero fóra desos nenos que cren ou xa non, existe os que imos denominar “a resistencia”. Son esos pequenos que aínda que o saben non queren recoñecelo porque non lles interesa. E é que hai moitos pequenos que prefiren non cambiar as regras do xogo por temor a recibir menos agasallos...