O 46,5% das empresas culturais galegas experimentaron un aumento significativo de custos

O ‘Barómetro da cultura galega 2024’ sinala que o 40% das entidades tiveron un ano mellor que no ciclo anterior

Os resultados foron presentados nunha rolda de prensa

Os resultados foron presentados nunha rolda de prensa / CCG / Teresa Navarro

Os resultados do Barómetro da cultura galega 2024 saen a luz para amosar o estado e evolución da actividade cultural dentro do noso país. Este informe, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), mostra que “a cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento”.

Nun ano marcado polo aumento de custos, este feito tamén afectou á cultura galega. Os prezos das materias primas y subministracións necesarias para a actividade subiron para case nove de cada dez entidades. Así mesmo, un 46,5% delas sinalaron que o aumento foi algo significativo.

A estabilidade no emprego continúa a ser unha constante un ano máis”, afirmou Håkan Casares. Aínda así, apréciase un lixeiro incremento, que se produce cun pouco máis de intensidade no ámbito público. Ademais, se en 2022 un 53% das empresas tivo dificultades para atopar profesionais co perfil axeitado, esta porcentaxe subiu ata un 56,5% durante o último ano. As que teñen máis problemas neste sentido son as empresas de artes gráficas.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, sinalaron que nos resultados deste informe amósase que o 40% das entidades enquisadas afirman que tiveron un 2023 mellor que o ano anterior. Ademais, destaca que neste ano aumentaron as dificultades para atopar profesionais cualificados e produciuse un descenso das actividades realizadas para incrementar a presenza internacional.

Por outra banda, o sector cultural volve suspender no referido ó apoio das administracións en materia cultural. A pesar de que mellora a puntuación do Goberno central, a da Xulta baixa.

Distintos sectores

O Observatorio da Cultura Galega fai unha radiografía do sector cultural durante o 2023 neste novo documento. Un ano máis, os museos e entidades dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio e mais as relacionadas co audiovisual son ás que lles vai mellor. Canda estas, están os sectores das artes gráficas e das artes escénicas representando un 40,2% fronte ao 47% do ano anterior.

As entidades adicadas ás artes visuais, educación cultural e á musica, as bibliotecas e arquivos, o sector da edición e as administracións tiveron un 2023 algo por debaixo da media. Non obstante, as entidades que máis sufriron durante o 2023 foron as adicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas