Aberta a novena edición da bolsa ‘Nacho Mirás’

Ten unha dotación de 6.000 euros destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual

A recepción de propostas está aberta até o 15 de xullo de 2024

Acto de presentación da novena bolsa ‘Nacho Mirás’

Acto de presentación da novena bolsa ‘Nacho Mirás’ / Cedida

Redacción

A novena bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), presentouse en Santiago este luns. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 15 de xullo de 2024.

 O acto de presentación foi aberto pola vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva, quen destacou que esta iniciativa leva o nome de Nacho Mirás, un xornalista que deixou unha “fonda pegada” no centro e que loitou moito “polo espírito de facerse valer”. A continuación, o director de Zona de Abanca en Santiago, Ramón Mariño, lembrou que “levamos desde o ano 2016 colaborando con esta iniciativa” que representa “un apoio para os novos xornalistas nun momento clave das vosas vidas”. Mariño salientou o interese de “apostar por unha aposta propia e a contribución que os proxectos gañadores fan ao ecosistema mediático galego.

Ademais, Xaime Leiro, director de EL CORREO GALLEGO e membro da Xunta de Goberno do CPXG, asegurou que esta iniciativa é “moi querida” polo CPXG por dúas razóns: porque leva o nome de Nacho Mirás, un exemplo a seguir “que fixo o indicible por dignificar a profesión”; mais tamén por estar centrado nas novas xeracións, que marcarán “o futuro dos medios de comunicación nos próximos anos”. Leiro tamén fixo fincapé en que esta bolsa quere animar ás e aos xornalistas noveis a pór en marcha as súas iniciativas, resaltando que tamén se acepta o desenvolvemento de proxectos presentados como traballo de grao ou de máster.

O acto cerrouno a gañadora da anterior edición, Cinthia Piñeiro, que presentou o seu proxecto Quen son elas?, un programa radiofónico en formato podcast que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero.