Ricardo Losada converte en investigadores a Castelao e a Virxinia, a súa dona, na obra ‘Un inferno frío’

O escritor rianxeiro recibiu en Noia o premio do XXII Certame de Relatos de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

Piñeiro, esqda., Pérez, Losada e Veiras, na entrega do premio

Piñeiro, esqda., Pérez, Losada e Veiras, na entrega do premio / Cedida

Suso Souto

A casa da cultura de Noia acolleu a entrega do premio do XXII Certame Literario de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, convocado polo Concello, ao rianxeiro Xosé Ricardo Losada Vicente, pola obra titulada Un inferno frío. O autor recibiu 3.000 euros e unha escultura de Alfonso Costa. A obra será publicada pola editorial Toxosoutos.

O xurado destacou que o relato “pon en relación a Galicia de aquí coa de alén do mar e aborda como para os emigrantes galegos foi un inferno ter que deixar a súa vida aquí para comezar outra fóra”.

O xurado estivo presidido polo alcalde, Santiago Freire, e integrado por Oliva Fraga Lombardía, traballadora municipal; Antonio Puentes Chao, profesor e escritor; Raúl Soutelo Vázquez, profesor e escritor; e Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.

Da obra vencedora o xurado destacou que “pon en relación a Galicia de aquí coa de alén do mar” e que “aborda como para os emigrantes galegos foi un inferno ter que deixar a súa vida aquí para comezar outra vida nova fóra”.

No acto de entrega participaron o edil de Cultura, José Pérez, e o artista Xosé Luis Veiras Manteiga (ilustrador do cartel deste ano).

En canto ao argumento, don Faustino, un crego humanista, morre en estrañas circunstancias nun contexto de forte represión política nunha ditadura. A comunidade galega en Bos Aires queda conmocionada e, tras as dúbidas sobre se foi un accidente ou un suicidio, comeza a impoñerse a evidencia de que foi asasinado polas súas ideas políticas. Castelao e a súa dona, Virxinia, que tiñan unha intensa relación con el, dubidan da versión oficial dun accidente e deciden investigar.