O PSdeG esixe que se decida xa onde se ubicará o parque comarcal de Bombeiros

Duro di que non tardarán en determinar se vai estar en Salgueiriños ou van facer unha nova sede

Esqueleto do edificio que non acabou en Salgueiriños, previsto para o parque comarcal de Bombeiros

Esqueleto do edificio que non acabou en Salgueiriños, previsto para o parque comarcal de Bombeiros / Antonio Hernández

Redacción

Os socialistas composteláns urxen a Raxoi unha decisión sobre o emprazamento do novo parque comcarcal de Bombeiros. O seu portavoz, Gonzalo Muiños recriminou hoxe que mentres avanzan as negociacións, o Goberno local parece decidido a desvincular a comarcalización do servizo coa construción dun novo edificio. Algo que cuestionan desde as filas socialistas polo efecto, a medio prazo, que pode ter esta medida.

O seu portavoz insiste en que, de ser así, unha vez resolta a comarcalización, “pode que chegado o momento non haxa vontade das outras administracións implicadas de resolver a cuestión das instalacións”. Muíños pregunta tamén que se Raxoi decide non concluír o esqueleto que quedou paralizado en Salgueiriños, que pensan facer con ese edificio. 

Resposta de Xan Duro

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, aseverou esta mañá, preguntado en rolda de prensa, que polo momento non se tomou a decisión sobre se o futuro parque comarcal se vai ubicar onde estaba previsto nun principio ou se vai optar por outro emprazamento. Pero en todo caso será unha decisión “técnica”, recalcou. Duro asegurou tamén que non tardarán en determinar cal vai a ser o seu emprazamento.

En tres anos a Xunta de Galicia ten pensado ocupar os terreos do actual parque dos Bombeiros coa ampliación da cidade administrativa de San Caetano. Nese momento debería estar xa construida a nova sede para o parque comarcal.