O Concello reclámalle a Xunta 2,6 millóns para cofinanciar o servizo de axuda no fogar de Santiago

Raxoi inicia os trámites para recepcionar a praza da Nosa Mercé de Conxo trala nova repavimentación que custou 111.500 euros 

A praza da Nosa Señora da Mercé na recta final das obras

A praza da Nosa Señora da Mercé na recta final das obras / Jesús Prieto

Redacción

A Xunta de Goberno local de Santiago acordou esta mañá solicitarlle á Xunta de Galicia unha transferencia de 2,6 millóns de euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios. Pola súa banda o Concello fará unha achega de 3,5 millóns. Eses fondos destínanse maioritariamente ao Servizo de Axuda no Fogar. 

Co acordo adoptado, o Concello solicítalle á Xunta unha transferencia finalista para o cofinanciamento dos Servizos sociais comunitarios básicos por unha contía de 2,6 millóns, sobre un orzamento total de 6,2. A achega municipal sería, polo tanto, do 57,42% sobre o orzamento total do proxecto. En 2023, a achega municipal foi algo menor, un 46,47%. Raxoi puxo 2,2 millóns dun total de 4,6 millóns.

Do importe solicitado á Xunta, 2,2 millóns serán para o Servizo de Axuda no Fogar, fronte aos 3 millóns que o Concello achegará ao servizo neste ano. O incremento con respecto a 2023 será de 54.140 euros na subvención da Xunta, e de 1,5 millóns na achega municipal para o SAF, informou o Concello. Ademais do SAF, a transferencia da Xunta está destinada a cofinanciar gastos de persoal e ao reforzo dos equipos de infancia e familia.

Obras na praza da Nosa Mercé

O executivo municipal deu tamén luz verde para iniciar os trámites para a recepción das obras de repavimentación da Praza da Nosa Mercé de Conxo. “Coa realización desta intervención, o Concello dá resposta ás reclamacións por parte da veciñanza do barrio que solicitaban melloras no estado do firme”, explica Raxoi.

Durante as obras, levouse a cabo a substitución do pavimento de lastro por un pavimento de alcatrán impreso en cor vermella, o que permitiu elevar a vía 15 centímetros sobre o pavimento actual e eliminar os bordos creando unha plataforma compartida. Tamén se instalaron dúas marquesiñas de autobús e se renovou a sinalización horizontal e vertical. O contrato das obras de repavimentación da praza da Nosa Mercé de Conxo fora adxudicado á empresa Francisco Gómez y Cía SL por un orzamento de 111.522 euros con IVE. 

Festa dos maiores

A Xunta de Goberno tamén aprobou o expediente de contratación do servizo de Festa dos Maiores para os anos 2024 e 2025, cun orzamento base de licitación de 99.792,00 euros. Raxoi promove dende hai anos a celebración desta xuntanza nas instalacións municipais do Recinto Feiral de Amio na que se celebra un xantar popular, seguido de orquestra e baile. O obxectivo deste evento, que se enmarca nas Festas da Ascensión, é fomentar a participación e a interacción das persoas maiores de distintas parroquias e lugares do termo municipal, celebrando un día especial nun espazo de encontro no que se sintan protagonistas.

Campo das Cancelas

Na sesión de onte tamén se deu luz verde á aprobación do proxecto técnico para a renovación da infraestrutura de iluminación e do peche perimetral suroeste do campo de fútbol municipal das Cancelas. Este contrato contará cun orzamento base de licitación por valor de 184.314,92 euros máis IVE e o prazo de execución previsto é de seis semanas.

O executivo municipal acordou ademais a adxudicación do servizo de subministración de equipos denominados traxes de intervención e protección persoal (chaquetóns e cubrepantalóns) con arnés para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento á empresa Axaton SL por un importe de 129.240,10 euros.