A alcaldesa de Santiago volve esixir a implicación da Xunta na captación de novas rutas aéreas

Violencia de xénero: Goretti Sanmartín insta a un esforzo administrativo pola prevención e pón unha vez máis enriba da mesa a necesidade dun xulgado específico en Santiago 

En 2023 superáronse os 3,5 millóns de pasaxeiros no aeroporto de Lavacolla

En 2023 superáronse os 3,5 millóns de pasaxeiros no aeroporto de Lavacolla / Antonio Hernández

Goretti Sanmartín volveu poñer este venres sobre a mesa a necesidade dun Plan estratéxico aeroportuario para os tres aeroportos galegos. “O Concello de Santiago está disposto a sumar todo que se precise para este plan, os recursos que poida para a promoción de novas rutas en colaboración con outras administracións”, recalcou, poñendo como principal interese que se incrementen as rutas internacionais dos aeroportos galegos. 

A alcaldesa de Santiago insistiu en que se trata de “facer algo que signifique realmente unha coordinación entre os tres aeroportos a través dun organismo que planifique a política aeroportuaria”. Dende o Executivo local consideran que éste é un dos “grandes retos do momento” tamén polo crecemento de viaxeiros que experimentou nos últimos tempos o aeroporto, superando en 2023 os 3,5 millóns de pasaxeiros. Neste sentido Sanmartín apuntou que “neste primeiro trimestre do ano xa se rexistraron 660.413 viaxeiros”.

A alcaldesa volveu solicitar a implicación económica da Xunta e que asuma a lideración deste plan, “entendemos que debe asumir esa responsabilidade porque é de interese dos galegos”. E con este obxectivo asegurou que dende a Corporación local se quere “transmitir que pode contar cos nosos esforzos e recursos para conseguir esa nova política aeroportuaria” e asegurou que Santiago é unha cidade “solidaria e responsable” que entende “a capitalidade como a necesidade de liderar e axudar a esa planificación común”.

Por parte da Xunta denunciouse nos últimos días a falta de entendemento entre Santiago, Vigo e A Coruña en canto á proposta deste plan afirmando que “ningún dos tres concellos deu pasos para avanzar nesta liña e cada un tira para o seu lado e só quere financiar vóos ao seu aeroporto sen renunciar a nada”. A alcaldesa Goretti Sanmartín desmentiu esta afirmación asegurando que neste seu primeiro Comité de comunicación aeroportuaria os tres concellos remaban na mesma dirección e coincidían na necesidade de levar a cabo este plan estratéxico.

Unha necesidade que Sanmartín afirma pola proximidade dos tres aeroportos, unha “singularidade” nas súas palabras, e tamén pola cercanía do aeródromo do Porto que é a principal competencia e “captado noso mercado, como é algo sabido”. Por esta razón a rexedora expuxo que Galicia e Santiago “precisan incrementar as conexións internacionais e non ter esa dependencia tan grande de Madrid”.

Unha supeditación ao aeroporto Adolfo Suárez sobre a que Sanmartín advirte o problema que supoñería que “caesen ou se reducisen as rutas continuas con Madrid, moitas veces para facer transbordos, por exemplo polo incremento de viaxes en tren, por unha política ferroviaria que reduciu tempo e é máis sostible”. Polo que instou a que o tráfico “non dependa das rutas domésticas”.

Xulgado de Violencia de Xénero

Na rolda de prensa ofrecida onte no Pazo de Raxoi, a alcaldesa de Santiago volveu solicitar a creación un xulgado de violencia de xénero “Hai unha petición que creo que é un clamor, da sociedade, do ámbito xudicial... e é que poidamos ter un Xulgado de Violencia de Xénero en Santiago, algo que levamos reclamando dende hai tempo e queremos insistir unha vez máis nesta demanda histórica”.

A alcaldesa non considera esta demanda supeditada ao feito de que non haxa orzamentos do Estado para 2024 -este era un acordo do BNG para investir presidente do goberno a Pedro Sánchez-. Sanmartín tamén falou da necesidade de prevención desta violencia, abordada dende o Concello con obradoiros afectivo-sexuais e encamiñados, sobre todo, “á xente máis nova” para parar a “reprodución de determinados roles que pensabamos superados nas relacións: de poder, de dominación, de control”.

Zonas tensionadas

A declaración de zonas tensionadas na cidade é unha cuestión que o Goberno local ten aínda pendente. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou este venres que dende o departamento de Urbanismo se segue a traballar nos informes que cómpre entregarlle á Xunta de Galicia para que estude se concede ou non concede dita declaración, “pero non é unha cousa que se faga nun día nin nun mes”, concluíu a rexedora.

Aínda que o certo é que a cuestión preocupa á cidadanía, que urxe coñecer as implicacións que ter ou non ter esta declaración pode carrexar. Para solventar estas dúbidas o Centro sociocultural do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) acolle o vindeiro luns 22 de abril un encontro organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias -Agalin- e que contará coa presenza do edil de Urbanismo, Iago Lestegás. O encontro será ás 20.30 horas e tratará de descifrar se é o Ensanche unha zona de mercado tensionado e tamén de averiguar “que supón isto para a veciñanza?”.