O Centro de Información á Muller de Zas atendeu máis de 500 consultas en 2022

Asesoramento xurídico e atención psicolóxica son os servizos con maior demanda na contorna

CIM de Zas.

CIM de Zas. / ECG

redacción

Veciñas de Vimianzo, Cabana, Laxe, Ponteceso e Zas teñen á súa disposición o Centro de Información á Muller (CIM) da capital zaense, que o pasado ano atendeu un total de 565 consultas.

Os servizos máis demandados foron o asesoramento xurídico (216 consultas e a atención psicolóxica) (205). Ademais, no 2022 o CIM de Zas brindou apoio a 37 mulleres vítimas de violencia de xénero e ofreceron información sobre recursos, emprego, formación e outras cuestións a máis de cen usuarias da contorna.

Paralelamente, o centro organiza ao longo do ano diferentes actividades co fin de fomentar a igualdade entre sexos e loitar contra as violencias. Así, desenvolven diferentes programas en datas sinaladas como o Día Internacional da Muller e o Día Internacional da Violencia contra a Muller. Ademais, dende o CIM promoven talleres de memoria e actividades para persoas adultas.

A oferta inclúe desde ximnasia terapéutica, zumba, ioga, pilates, cesteiría e bordado entre outras actividades, que se imparten ao longo de todo o ano.

O Centro de Información á Muller de Zas está ubicado no antigo edificio da Cámara Agraria. Comezou a prestar servizo no ano 2001 e foi un dos pioneiros da Costa da Morte. Os seus servizos préstanse de xeito totalmente gratuíto.

O horario de atención ao público é de luns a venres de 8.00 a 15.00 horas. As consultas poden realizarse tanto de forma presencial como telefónica, a través do número 981 708303.

A cobertura dos devanditos servizos ás mulleres compleméntase na Costa da Morte coa que ofrecen os centros de Cee, Carballo, A Laracha e Muxía que, ao igual que o de Zas, atenden, ademais das demandas das veciñas dos seus respectivos municipios ás dos concellos colindantes. Todos eles contan con equipos de profesionais especializados para dar resposta ás demandas de todas as usuarias.