Afaber, dúas décadas de servizo vocacional en favor das persoas con demencia de Bergantiños

Máis de corenta usuarios son atendidos a diario no novo centro terapéutico // Brindan apoio a familiares e coidadoras // O presidente, Jesús Villar, asegura que a clave “é a calidade humana dos nosos profesionais”

María Díaz, pola esquerda, Begoña Fernández, Manuel Remuiñán, Jesús Villar, María Vilariño e Mar Barca, directivos de Afaber

María Díaz, pola esquerda, Begoña Fernández, Manuel Remuiñán, Jesús Villar, María Vilariño e Mar Barca, directivos de Afaber / AFABER

Máis de vinte anos avalan o gran labor e a vocación de servizo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños (Afaber) en favor das persoas con demencia e as súas familias. Desde a súa fundación, o colectivo non deixou de mellorar na atención e nos servizos que brinda aos seus usuarios. E o pasado mes de marzo inaugurou un novo centro terapéutico en Bértoa (Carballo) no que asisten a diario, en grupos reducidos, a máis de corenta persoas afectadas por unha demencia. Entre os seus servizos destaca o programa de estimulación cognitiva, no que participaron 45 persoas durante o ano 2022, e que se complemenenta cos de atención psicolóxica (seis familias usuarias), fisioterapia e logopedia. A maiores, promoven actividades dirixidas a familiares e coidadores, entre as que sobresaen os grupos de apoio (23 persoas usuarias en 2022), que celebran reunións mensuais, e os cursos de autocoidadeo para mulleres coidadoras.

“O noso obxectivo, desde que nos constituímos como asociación, é traballar para que os usarios e as súas familias estean ben”, afirma Jesús Villar, presidente e un dos fundadores de Afaber. Co novo centro, engade, “melloramos moito, porque podemos atender a máis persoas e ofrecer máis servizos”. Non obstante, subliña, que a clave da boa acollida que teñen os servizos que prestan “é que somos moi humanos, e temos unhas profesionais cunha gran vocación de servizo e de axuda aos demais”.

A este respecto, Jesús Villar asegura que “houbo persoas que se marcharon a un centro de día e que acabaron volvendo a Afaber pola calidade humana cos que os tratamos”. De feito, o novo centro aínda se queda pequeno, e non poden dar cobertura a todos os usuarios que demandan os seus servizo. “Temos persoas en lista de agarda”, engade.

En Afaber teñen claro que a prevención é fundamental tamén na loita contra as demencias, e por iso “promovemos actividades dirixidas á poboación xeral como talleres de memoria, que se impartiron en Cabana, Carballo e Coristanco, cunha elevada participación en todos eles”, indica Villar. Contaron para elo co apoio dos concellos e da AA VV Santa María de Traba, de Coristanco. Tamén impartiron, en colaboración co Concello, un obradoiro de manexo de móbiles na capital bergantiñana.

En la imagen Montse, de 60 años y con alzhéimer precoz, junto a sus tres hijos.

En la imagen Montse, de 60 años y con alzhéimer precoz, junto a sus tres hijos / JORDI COTRINA

Sensibilizar, concienciar e dar visibilidade a enfermidades como o alzhéimer son outros dos obxectivos de Afaber, que organiza xornadas formativas e unha andaina solidaria, en colaboración coa Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL).

Asemade, as profesionais da asociación impartiron un módulo formativo especializado en alzhéimer do obradoiro de emprego Carballo Coida. Coincidindo coa campaña anual do Día Mundial do Alzhéimer a asociación promove mesas informativas para dar a coñecer á poboación en xeral esta enfermidade.

Iniciativas que Afaber financia con subvencións, as taxas dos servizos e as aportacións dos socios. Na última asemblea, na que renovaron a xunta directiva, aprobaron o orzamento para 2023, que contempla uns gastos de 179.928 euros.